Jesús Prieto Guijo
LA OPINIÓN
103-13: Un sonrojo galáctico
CASTELLUM HONESTI
Aínda hoxe, estou convencido de que a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) constitúe un piar fundamental que sustenta o desenvolvemento do sector vitivinícola galego. A súa historia comezou o 5 de novembro de 1985, cando foi inaugurada no concello ribeirán de Leiro, ó pé do Mosteiro de San Clodio; un enclave fondamente ligado á tradición vitícola da nosa terra. Catro décadas despois, o 5 de novembro de 2025, celebrámo-lo seu corenta aniversario como centro consolidado e referente a nivel autonómico e estatal. Se a súa creación respondera á necesidade de modernizar e fortalecer un sector clave na economía e na identidade galega, co tempo a súa actividade foi medrando e aconsellou a apertura, en xullo de 1997, da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (Eeve) no concello pontevedrés de Ribadumia. Esta subestación permitiu aumenta-la súa capacidade de investigación e de intervención ó tempo que ampliou o seu achegamento ás distintas realidades vitivinícolas do territorio galego.
Dende a súa fundación, a misión da Evega foi impulsa-lo desenvolvemento tecnolóxico do sector mediante a investigación aplicada e a transferencia do coñecemento adquirido. Un exemplo é Fitovit; unha plataforma web que permite previ-los danos das patoloxías fúnxicas, as grandes inimigas da viña en Galicia, de xeito respectuoso coa contorna. Porén, o seu traballo non se limita ó ámbito científico, senón que abrangue tamén o asesoramento directo a viticultores e adegueiros, contribuíndo a mellora-la calidade dos viños e a competitividade das empresas. A isto súmase unha intensa actividade formativa -xornadas, cursos e talleres-, fundamental para garanti-la profesionalización do sector.
A Evega é moito máis ca un centro de investigación; representa un espazo onde converxen a ciencia, a tradición e o futuro, e constitúe un motor de innovación ó servizo do sector vitivinícola galego
Para min, un dos aspectos máis destacados da Evega é o seu papel como laboratorio oficial para a análise de produtos derivados da vide xa que, dende xullo de 2014, conta cunha acreditación da ENAC que avala a fiabilidade das súas análises e a converte nunha ferramenta esencial para garanti-lo cumprimento dos estándares de calidade e seguridade no ámbito vitivinícola galego. Asemade, a investigación que desenvolve tradúcese en avances concretos que teñen un impacto directo no sector: a través de proxectos de I+D+i, xéranse novos materiais e tecnoloxías que son adoptados posteriormente polos profesionais e un caudal de coñecemento que se difunde de xeito activo mediante publicacións especializadas e participacións en congresos estatais e internacionais.
Outro dos grandes tesouros que acolle a Evega é a súa colección de variedades tradicionais de vide, considerada a máis completa e antiga de Galicia. Trátase dun auténtico banco de xermoplasma que cumpre unha función esencial: preserva-la biodiversidade e evita-la desaparición de variedades autóctonas. Este patrimonio xenético galego non só ten un valor histórico e cultural incalculábel, senón que representa tamén unha oportunidade para o futuro xa que permite a recuperación e posta en valor de castes cun gran potencial enolóxico; tal foi o caso da Albilla do Avia. Así mesmo, funciona como un viveiro seleccionador oficial que subministra material vexetal certificado que cumpre coas esixencias de calidade varietal, xenética e sanitaria, e permite asegura-la sustentabilidade e a excelencia das producións vitivinícolas galegas.
Durante os case once anos que a dirixín, potenciámo-la súa dimensión formativa, participando activamente no adestramento de profesionais e na formación doutros novos mediante convenios con centros educativos, programas de prácticas para bolseiros e a dirección de teses de doutoramento. Hoxe, dende a distancia, ratifícome en que a Evega é moito máis ca un centro de investigación; representa un espazo onde converxen a ciencia, a tradición e o futuro; constitúe un motor de innovación ó servizo dun dos sectores máis emblemáticos e estratéxicos de Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Jesús Prieto Guijo
LA OPINIÓN
103-13: Un sonrojo galáctico
Jaime Noguerol
La sombra de Caín
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Ahorro
Plácido Blanco Bembibre
HISTORIAS INCREÍBLES
Poema insignificante del redivivo
Lo último
24 HORAS PARA ALQUILAR
El reto de alquilar un piso en Ourense: “Hay anuncios que no duran ni un día”
PRÓRROGA DE ALQUILER
Hasta 5.000 contratos de alquiler en vilo por la prórroga del Gobierno