ENTREVISTA

Ricardo Gurriarán: “O diario de Fernando Alsina é un documento dun incalculable valor histórico"

O historiador valdeorrés  presentou no Colexio Médico o seu novo libro, que dá testemuño das vivencias dun dos intelectuais e cirurxiáns máis notables da Galicia de comezos do século XX.

O historiador e escritor Ricardo Gurriarán.
O historiador e escritor Ricardo Gurriarán.
Ricardo Gurriarán: “O diario de Fernando Alsina é un documento dun incalculable valor histórico"

O historiador valdeorrés Ricardo Gurriarán presentou no Colexio Médico o seu novo libro, 'Fernando Alsina e o seu diario de guerra', obra que dá testemuño das vivencias dun dos intelectuais e cirurxiáns máis notables da Galicia de comezos do século XX. O libro recolle os comentarios de Gurriarán sobre un diario inédito dun enorme valor histórico. 

Quen é a persoa trala figura de Fernando Alsina?
Foi unha persoa moi coñecida en Compostela como docente universitario, fundador do coñecido sanatorio santiagués de San Lorenzo, foi alcalde e tivo as mellores consideracións coma cirurxián da primeira metade do século XX. Era un home dunha certa complexidade, tanto no público coma no persoal, sobre o que case non se traballara nada. Daquela, aparecera un diario de guerra sobre o que se me pediu un comentario. Malia que era unha persoa conservadora e ferventemente católica, este é un documento moi ponderado, que recollía feitos coma o bombardeo da catedral de Sigüenza pola Lexión 'Cóndor' alemá, sobre o que non se coñece practicamente nada. El tamén apoiou un manifesto intelectual ao Estatuto do 33 e curou ao guerrilleiro Foucellas dunha ferida de bala na perna; foi represor e reprimido.

Pódese entender este diario coma un documento histórico?
É un documento histórico de incalculable valor, tanto o escrito pola súa man coma as 40 fotografías da Guerra Civil que apareceron canda el, que completan unha faciana moi interesante do conflito.

Como desenvolveu o seu labor de comentarista deste documento?
Analicei o diario e tentei contextualizalo, tanto no desenvolvemento da Guerra naqueles momentos coma aclarando determinados puntos que el daba por supostos, coma nas persoas; leva un índice onomástico de 500 nomes. É un relato moi concreto dunha vivencia persoal nun período histórico importante, e así como temos documentos dos perdedores, é unha achega relevante ao seren do outro bando.

Puido obter algún testemuño dos seus descendentes?
Non, xa que Alsina faleceu a comezos dos 50. Só quedaba viva unha persoa que o coñecera, unha nora que supera os 90 anos e que ten moi poucos recordos. Si puiden falar con algún discípulo seu, dos últimos anos nos que impartiu docencia, coma o catedrático de Pediatría José Peña, que dixo que a súa escola era impresionante. Polo tanto, é unha mágoa non poder resolver misterios como por que se presentou a unhas oposicións aos 60 anos.

Como describiría o oficio de cirurxián de guerra?
O que se atopaban maioritariamente na fronte eran amputacións e feridas de guerra, basicamente. El describe certas operacións cirúrxicas, e hai un episodio no que dá conta de 48 horas seguidas no quirófano. Recomendo aos profesionais que se acheguen á lectura deste libro, porque recolle o labor dunha persoa nunha circunstancia como é a Guerra Civil que merece a pena botarlle unha ollada.