Os negocios da política

PENSAR POR PENSAR

Publicado: 22 may 2026 - 03:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Facer negocios coa política e política cos negocios son trens de ida e volta circulando en paralelo. O poder e a xestión económica son, á súa vez, as vías polas que rodan os vagóns deses ferrocarrís. Velaí os enunciados da tentación e do problema que, desde que coñecemos as organizacións públicas, a sociedade aceptou ou condenou segundo o signo dos tempos. Desde o pasado acostumáronnos á existencia de poderosos beneficiarios do diñeiro oficial. De lampantíns e de oportunistas arrimados ás administracións para encher as súas bolsas. De reis e nobres inmunes fronte ás leis e a moral… Coñecemos nomes gloriosos do saqueo como os Borbóns, o duque de Lerma, Godoy, o conde-duque de Olivares… O caso Estraperlo durante o goberno de Lerroux, os casos Matesa ou Reace durante o franquismo… Toda unha enciclopedia que cremos poder desterrar coa chegada da democracia.

Pero non, morreron os antigos réximes e sobreviven os vellos costumes e os filósofos das mesmas. Nestas décadas de liberdades e da comunicación xunto á política de partidos triunfaron personaxes como Juan Guerra, Luís Roldán, Rosendo Naseiro, Rodrigo Rato, Jaume Matas, Eduardo Zaplana, a familia Pujol, Luis Bárcenas, Pablo Crespo, Francisco Correa, Aldama, Ávalos, Koldo… Non estraña que a nosa vida pública ofreza un reflexo desolador e desalente á cidadanía en xeral. Pero ao mesmo tempo aguanta un paradoxal conformismo, talvez necesario para quen vivimos honradamente.

O peor é que acompañando a esta fanfarra agora escoitamos os instrumentos históricos e presentes dos poderes xudiciais porque tamén os vagóns dos administradores da xustiza caen en tentacións e prácticas inadecuadas. Non necesitamos resaltar os exemplos nin os casos, moitos están escritos nos anais, xa sexa con letras de ouro ou con grafías desgregables. Historicamente os españois tememos aos tribunais polas súas prácticas de manifesta ou sospeitosa inxustiza. Á vista de recentes acontecementos sonoros, o poder xudicial democrático tampouco nos reconforta fronte aos sucesos políticos e económicos tortos. Si, é máis o que se fai ben en todos os terreos, pero é o mal o que transcende.

No ámbito deste panorama desolador, a imputación de José Luís Rodríguez Zapatero doeume, anóxame e pon en garda. Mesmo me permito dubidar da culpabilidade á que o auto do xuíz o empurra. Debe un político sen cargos absterse de negociar e incrementar o seu patrimonio familiar? En caso de non delinquir sería inxusto. Como debe de ser a vida despois do poder? Deberá desvincularse da súa experiencia política e amizades públicas? Sería absolutamente absurdo por moito que se lle poida acusar de tráfico de influencias se as causas son xustas e xustificadas. Ten razón de ser a existencia legal de lobbys fronte á presunta ilegalidade das relacións amigables? O lobby non deixa de ser un truco que fomenta o negocio político por moi ben que se regule e xustifique. É delito cobrar comisións por xestionar ou negociar asuntos? Se son legais e declaradas ao fisco non infrinxen ningunha lei. É lícito investigar a un político sen cargos públicos ante sospeitas de infraccións? Por suposto que si, toda dúbida debe ser investigada, legal e non ideoloxicamente, sen descartar a presunción de inocencia.

O auto contra Zapatero está poboado de indicios sen achegar probas contundentes. E é ante o concepto “indicio”, onde tremo despois da condena ao fiscal xeral con base en indicios sen elementos probatorios rotundos. Pero tamén, se as probas condenan a Zapatero, apaga a luz e pecha.

Contenido patrocinado

stats