laroucofest

O Laroucofest pretende unir á xuventude do rural

O evento terá lugar os días 27 e 28 de xullo

A Asociación de Mulleres Rurais da Raia e Xuventude do Larouco celebrarán os días 27 e 28 de xullo a cuarta edición do Laroucofest no concello de Baltar. Aínda que o evento naceu como unha actividade festiva e musical, os seus promotores pretenden crear con ela un movemento asociativo de toda a xuventude da contorna rural. É por esto último polo que o festival comezará cunha mesa redonda o venres día 27, na que se analizarán proxectos levados a cabo no entorno e vencellados co medio ambiente. Nela participarán actores que son parte activa no coidado do entorno: dende representantes políticos ata historiadores ou etnógrafos, co obxectivo de abordar as perspectivas de futuro para os máis novos. 

A continuación, os participantes do Campionato Europeo de Parapente sumaranse a este proxecto e terá lugar unha cea de confraternización. 

O sábado, 28 de xullo, a xornada comezará ás 09,00 horas cunha "Andaina e Free trail" para que os asistentes poidan gozar da natureza e contorna. O evento deportivo conta xa con 90 inscritos. 

Pola tarde, a partir das 18,00 horas haberá xogos populares e foliada a cargo de As Bruxas, Araúxas Pandereteiras e As Xeitosiñas. Os concertos de De pé feito, Tanxugueiras e Brinkadelia troupe comezarán ao redor das 21,00 horas.

Te puede interesar