TEATRO

A Mostra de Teatro inaugura o "Auditorio Manuel María"

Fotos vida mostra de teatro de Ribadavia
photo_camera O auditorio do Castelo de Ribadavia, abarrotado durante un espectáculo da MIT do pasado ano.

O sábado comeza a MIT coa entrega do Premio de Honra e dous espectáculos teatrais

O próximo sábado inaugúrase a 32ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). O acto terá lugar ás 20,00 horas e durante o mesmo procederase a descubrir unha placa e unha obra do artista plástico urbán MON (Ourense, 1985), na entrada do Auditorio da Casa da Cultura de Ribadavia. Un espazo que por resolución do pleno do Concello de Ribadavia pasará a denominarse “Auditorio Manuel María”, poeta e dramaturgo ao que se lle adican as Letras Galegas 2016, estreitamente vinculado coa Xeración Abrente de Teatro Galego de Ribadavia. 

Con tal motivo, na inauguración estarán presentes representantes da Fundación Manuel María, autoridades políticas e representantes do mundo da cultura, especialmente das artes escénicas.
A posta en escena do acto correrá a cargo do escenógrafo Diego Valeiras, responsable de imaxe do festival e nel tamén se fará entrega do Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño da MIT 2016 ás actrices Mabel Rivera e Belén Constenla, que estrearán no Castelo a obra "Voaxa e Carmín" o día 19 de xullo.

O propio sábado, día de inauguración, complétase o programa con dúas agardadas estreas en Galicia: "La Piedra Oscura", no Castelo, ás 23,00 horas, e "Flux", de Zanguango Teatro, na Praza Maior.

"Flux" é un espectáculo de rúa no que participan varios voluntarios, veciños de Ribadavia e que sorprenderá, segundo a MIT, pola súa dimensión de intervención e transformación da rúa nun espazo de comunicación e diversión. A obra ven de recibir o Premio do Xurado do Festival TAC de Valladolid ao espectáculo máis orixinal e innovador.

Mentras, "La Piedra Oscura" é unha obra escrita por Alberto Conejero e dirixida polo arxentino Pablo Messiez, inspirada na vida de Rafael  Rodríguez Rapún, estudante de Enxeñería de Minas, secretario da Barraca e compañeiro de Federico García Lorca nos últimos  anos das súas  vidas.

É unha vibrante peza sobre a memoria (un dos eixes temáticos desta MIT 2016) como espacio de xustiza e tamén sobre a necesidade de redención. Dende Mostra ribadaviense destacan o valor dun premiadísimo espectáculo,  que recibiu 5 MAX, así coma o Premio Ceres para o autor e os Premios da Unión de actores 2016. 

Te puede interesar