Opinión

Cruce de camiños

Onde se cruzaban camiños, os nosos devanceiros construían cruceiros, magníficas obras de arte e pedra que anunciaban por Galicia adiante que algo pasaba ou pasaría. Segundo os expertos, non hai concreción sobre a súa orixe, pero hai respecto ao que son, ao que foron, ao que significaron e significan. A Real Academia Galega di que un cruceiro é “unha cruz grande de pedra, lisa ou con figuras esculpidas, sobre unha longa columna asentada nunha plataforma, que se sitúa principalmente nas encrucilladas, á beira dos camiños, nos límites das parroquias e nos adros das igrexas”. Iso é!

Pero, agora que os camiños non son como eran cando se fixo esta descrición, como os tempos tampouco son como eran, os expertos terán que redefinir o concepto e os novos cruceiros serán o que sexa, probablemente enormes monumentos virtuais que se colocarán nos camiños por andar da política e do progreso (ou do retroceso) para indicar que efectivamente están e estamos nunha encrucillada, igual que antes,  sen saber por onde seguir, sen identificar a ruta, sen ter claro se é mellor coller o ramal que vai por Valcabrita  ou o que ven do Alto de Pía, se é igual seguir ao fronte ou dar a volta e andar para atrás, tal como se se fose avanzando.

O cruceiro do camiño é un monumento diante do que o camiñante para, pensa e reflexiona, repasa mentalmente o camiño andado e deseña a estratexia conveniente para seguir avanzando con éxito cara a onde vai. É un monumento que se asenta alí, onde o xefe da expedición ten que recordarlles e indicarlles aos mandados o punto xeodésico ao que se propuxeran chegar. Poida que sexa mellor escoller o camiño máis curto, sobre todo, cando oferta garantía de calidade e proporciona posibilidades para que todos os camiñantes cheguen con, máis ou menos, satisfacción. Todo parece política, pero non esquezan, amigos lectores, que, como dicía a Tía Manuela, “os camiños da honestidade e da lealdade son sempre rectos”. Pois, sen medo, adiante!

Diante da encrucillada, cómpre pelexar e combater a amnesia. Antes de chegar, cómpre ter definido o itinerario e, sen apurar o paso, non demorar, non delongar para que ninguén se durma nos loureiros. Cómpre andar o camiño e chegar cedo, para dinamizar a romaría e rir. Rir e aplaudir con ganas, igual que o fan os extras mudos e asalariados durante e ao remate de cada vacua actuación. Renegado sexa o demo!
 

Te puede interesar