Opinión

A nave Tosar xurde escultor na Insua dos Poetas

limia_foto2_result

Dora e Pura Vázquez, poetas, na ‘Insua dos Poetas’. Alí están, en acaída composición escultórica, con Tosar, dende o sábado do Carme. É esta unha festa como poucas, cada verán, en tódalas vilas e pobos da mar galega, que tamén se celebra no interior de Galicia, pois o Carmelo ten sido moi persistente co seu escapulario. Así na parroquial de Santa Mariña de Augas Santas, concello de Allariz, como botón de mostra. Pura, que era Carmen de primeiro nome, estaría leda pola coincidencia na Esgueva de Madarnás (O Carballiño), na finca da Ínsua das seis hectáreas que é, pola vontade e determinación de Luis González Tosar, un espazo para o diálogo da cidadanía da república das letras poéticas, dende o cerne de corazón, coa das artes, nun entorno de carballeira, en derrame cara o solpor. Así é a súa teima que se inicia nos anos finais da pasada década, hoxe Fundación da que é o presidente.

O celebrado poeta, nado en Buenos Aires en 1952 nun fogar galego emigrante, volta a Galicia para estudar en Vigo dende os dezasete anos, estuda Filosofía e Letras en Compostela, na USC, e licénciase en Filoloxía hispánica galego-portuguesa. Daquela se inicia na poesía, con asisados pasos, e decisión, funda a Revista Dorna..., achegándose ao firmamento dos vates con ‘A caneiro cheo’, mediados os anos oitenta, actividade na que persevera ata 1998, con silencio literario. Unha doenza súbita en 2006, e a neumonía que sege, fanlle albiscar ‘ós ollos da morte’; e da ao prelo 'Estúrdiga materia', en renovada ilusión por vivir deixando ronsel.

Arroupando co limiar de Méndez Ferrín, e as ilustracións de obras de Quintana Martelo, é unha obra coa se achega ao sentir do pobo dende o léxico rural. A ‘Medalla Castelao’ (Xunta de Galicia, 2005) e o Premio da Crítica de Galicia (2009), son xalóns do seu activismo cultural, coa presidencia do Centro PEN-Galicia. Agora, logo de ser designado Académico corresponsal da Academia Argentina de Letras en España representando a Galicia, outro episodio coronario, que da con il nas ‘urxencias’ hospitalarias, fai que rexurda a vocación creativa primeira: a plástica escultórica, anterior á do estro poético. En Vigo, no seu taller do mestre Camilo Nogueira Martínez, primeiro, e mais tarde na Escola de Artes e Oficios. É o tempo de camaradería adolescente con Antón Lamazares, entre outros, pintor que daquela se interesaba pola poesía.

Así pois, Dora (1913) e Pura (1918), ou Pura (+25.xullo.2006) e Dora 21.IX.2010), como se adoita referir, as irmáns Vázquez son, desta volta, a sombra e inspiración dende a que Tosar rexurde como artista plástico. E así desta volta en que o contido desta columna acada a amplitude de ‘Arte et alia’ co conxunto escultórico do poeta, que é ‘sol e lúa granito prós peitos valentes’, como escribira en premonitoria frase ante quem fai uns anos. A ‘Insua’, neste ano cervantino, convértese nunha ‘ínsula barataria’...

Te puede interesar