Opinión

Peregrinaxe a santo André de Lonxe

Fun ata as terras fisterrás de Cedeira, bravías e misteriosas, peregrinando a Santo André. Foi unha camiñada longa, abofé, por vereas e as beiras das es- tradas. Ata Oseira, por Cea e Ponte Mandrás semellaba irmos a Santiago, e tamén ao poñer o pé en Melide, ou Sobrado, outro mosteiro do Cister. Que gusto cambiarlles o pa- so! O noso vai para o N.NO. Con elegancia, e refinamento. Eu sentíame un Risco facendo un camiño que inventabamos a cada paso, para dirixirmos de xeito consciente ao santuario de Santo André de Lonxe, no cabo do mundo. Como D. Vicente Risco, quen con D. Ramón Otero Pedrayo e a compaña de D. Ben-Cho-Shey (Xosé Ramón Fer- nández Oxea) foron noutro verán, o de 1927, por Cudeiro, Buciños, e Viana, onde fixeron noite. Saíran unha mañá, coa a fonte do Ferro seca, e Otero dirixiu o grupo dende o mapa de Fontán. O noso co Topográfico Nacional, mais co mesmo perfil de transcendencia na procura da esencia da Terra, as súas xentes, e a mirada longa...

Fixérona entre o 4 e o 12 de xullo daquel ano, e D. Ramón redactou o que matinaba sería o primeiro libro dunha serie, Peleriñaxes I, editado por Nós, 1929, que lemos na facsimilar de Ediciós do Castro, 1993. Os pro homes da Nacionalidade Galega seguiron por Monterroso, Vilalba, Lugo, As Pontes e Ortigueira. Logo de cumprimentalo santo, pasaron a Cariño e Viveiro. Os desvíos foron para xuntarse con Correa e Villar Ponte, que Noriega estaba en Vilalba. E fixérono andando, en coche de liña, barca e cabalo. Para nós era máis doado facelo a pé, por Rodeiro e A Golada, ata As Pontes. Dende aquí, ata Teixido, xa fomos nas súas pegadas. A travesía polas abas da dorsal central do Antigo Reino de Galicia levounos dende o 2 ata o 6. Sabedor da verdade que atravesa as épocas, que a santo André hai que visitalo de vivo, para non ter que facelo de morto en figura de cobra ou lagarto, angueira que levamos feita. Mais percorrer camiños e estradas serve para decatarmos do país real. Vimos árbores e leiras, con homes e mulleres falamos. Co monxe Luís, que nos agardaba en Oseira, compartimos a tarde, e o coro; e chamei ao amigo Toño Fidalgo Santamariña natural das terras de Sobrado, daquela de visita en Tours. Agora os seus restos repousan en San Francisco, preto de D. Ramón, e D. Ben-Cho-Shey. 

Demos en camiñar a Teixido por espiritualidade, fuxindo do esnobismo de seren deportistas ou, aínda peor, turistas, sentimento co que coincido con Risco. Atento á natureza, e á historia que ven antes da historia. Alí, sentado aos pés do santuario, na Capelada, a carón do mar, vin o cemiterio, co teixo, a árbore da morte. Os tres días ata Sobrado foron de iniciación como peregrino a santo André, derrota nord-noroeste, entre a Polar e o setestrelo. Pois con Pessoa, ‘Chega un momento en que é necesario abandonar as roupas usadas e esquencer os camiños que nos levan aos mesmos lugares. É o momento da travesía. E se non ousamos emprendela, nos teremos quedado para sempre ao marxe de nós mesmos’. Doutra volta haberemos pasar dende Mondoñedo a Teixido. Por alí andan Armando Requeixo e Ramón Loureiro.. 

Te puede interesar