O albergue de peregrinos de Sandiás renova a súa imaxe
Unha subvención de 48.392,03 euros da Axencia Galega de Turismo permitiu solventar deficiencias
Os peregrinos que se acheguen a partir de agora a pernoctar en Sandiás poderán gozar dunhas instalacións, que forman parte da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia, concretamente, do Camiño Sudeste-Vía da Prata; completas e renovadas. Unha subvención de 48.392,03 euros de parte da Axencia Galega de Turismo permitiu, entre xullo e agosto, solventar unha serie de deficiencias que presentaba este hospedaxe, construído no ano 2.000, e mellorar a súa imaxe.
Entre outras intervencións, substituiuse a celosía de madeira da fachada principal mantendo a madeira orixinal de cedro do Brasil, realizouse un tratamento de limpeza das fachadas de pedra con sellado das carpinterías exteriores, repararonse as gretas nos muros e impermeabilizouse cun tratamento antihumidade -ademáis de pintura- a zona do formigón que conforma o porche da planta baixa. Do mesmo xeito, substituíronse dous apliques e un grifo, pintouse a varanda e o aparcabicicletas e arranxouse a sinalización do albergue con novos vinilos informativos e o escudo do concello. No interior foi preciso pintar, substituír as mamparas das duchas, a luminaria do espazo común, o timbre e os cadros deteriorados que cubrían as paredes dos espazos.
A actuación completada no albergue de peregrinos de Sandiás permitirá acoller e mellorar os servizos que se lles ofrecen aos peregrinos que percorren o Camiño Mozárabe-Vía da Prata, un trazado que, tal e como afirmaron dende o Consistorio, conta cun “gran potencial de crecemento”. Ademais, é unha ruta que transcorre ao carón do complexo húmido Limia-Antela, polas areeiras de Sandiás e ao carón da Igrexa de Santo Estevo, a Vía Nova e a Torre Medieval de O Castro, un territorio singular que supón a mestura do patrimonio natural co patrimonio histórico e cultural.
O albergue de peregrinos de Sandiás está ubicado ao pé da Vía da Prata que cruza este municipio, entrando dende Xinzo a través das aldeas de Vilariño das Poldras e Couso de Limia. A idea orixinal do albergue de Sandiás xurdiu en torno a arquitectura dunha palleira tradicional. O edificio consta de dúas plantas e todas as estancias están abertas cara o espazo central a modo de patio.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Crisis en EEUU
Trump retira 700 agentes antiinmigración de Minnesota
CASO DE PRESUNTO ABUSO
Elisa Mouliaá se retira del caso Errejón: “Nadie debería cargar sola con algo así”