Antonio Luz: "Se escolles o galego para cantar sempre te apoiarán na túa terra"

O cantautor acaba de publicar o seu cuarto traballo, "O perdido"

Antonio Luz no seu último videoclip “O perdido”.
Antonio Luz no seu último videoclip “O perdido”.

Antonio Luz vén de sacar o seu cuarto traballo -“O perdido”, incluido nun álbum próximo que se chamará Paraíso das Airas e que está patrocinado pola Deputación de Ourense- un canto ao festexo logo dun periodo difícil, a través dun dos personaxes máis recoñecidos dos pobos: aquel que sempre se atopa nun bar e toma a vida con filosofía. Luz continúa fiel na súa defensa do galego e abandeira a súa inclusión dentro da música máis comercial.

Acaba de estrear novo tema, cónteme sobre este traballo.

Rodamos o videoclip entre o Liceo de Ourense, que é onde se ve o baile final, e Nocelo da Pena, Lodoselo e Vilar de Santos. Quixen contar a historia dun dos personaxes máis populares que temos en Galicia que é “o perdido” e que interpreta Serxio Pazos. Quería, con el, reivindicar a volta ao festexar. Tamén facer unha pequena homenaxe á hostalería que tanto sufriu pola pandemia.

Na súa aldea había algún perdido?

Si, un par deles. Seguro que na túa tamén e en todos os barrios das cidades sempre había algunha persoa que destacaba por estar sempre nas tabernas, por non lle gustar tanto o traballo como a troula. Quería recuperar un pouco a alegría a través deste personaxe.

Destacando a súa parte máis positiva en todo caso.

Si, a parte máis positiva que quizáis deberíamos tomar desa forma de vida. Precisamente, o tomar a vida cun pouco máis de filosofía.

Como está funcionando este tema?

Fago un balance moi positivo. En menos dunha semana superou ás 100.000 visualizacións en Youtube. Para un tema en galego está moi ben.

Continúa sendo un abandeirado da lingua e nun estilo musical que non é o máis común neste senso.

Efectivamente. Estou convencido a pesar dos nosos medos e ese autocomplexo que hai en Galicia de que temos un idioma poderoso. No 2022 este traballo vou a tratar de promocionalo en Madrid e no resto de España. Agora está en auxe o plurilingüismo e esperemos que non sexa unha moda. A música e o cine é o que empodera un idioma.

Cre que, ás veces, sendo artista, non se aposta polo propio idioma porque pecha portas, non sendo consciente de que os teus vante a apoiar?

Así é. Hai moita xente que non aposta polo galego pensando que o castelán ten máis saídas pero esquécese de que da outra forma apoiaríante os teus. En castelán compites con artistas avalados por multinacionais, en galego vante apoiar na túa terra. O grupo competitivo vai a ser máis reducido.

Hai xente que non confía tanto, pero hai mercado en Galicia?

Claro. Eu canto en galego porque amo o idioma e porque creo na miña lingua materna. Esta mensaxe vai para esa xente que non o fai porque di que non ten saída. Non é así. Si que a ten.

Algunha vez alguén lle dixo que non cantase en galego?

Si, moita xente. Algunha porta si se me pechou, non te vou enganar. Non me importou o máis mínimo; de feito, algunha persoa destas que ao principio me dicía eso, acabou chamándome e dándome a razón de facelo.

Quere desvincular o seu traballo como garda civil da súa faceta musical, aínda sendo consciente de que esto poida espertar interese.

O doado sería empregar esto, pero quero separalo. Se gusto, que sexa pola música e, se non, tamén.

Contenido patrocinado

stats