Cen anos coa arracada de Vilar de Santos
XOIA DE GRAN VALOR ARQUEOLÓXICO
En 1924, Benito Saburido descubriu a "arracada de Vilar de Santos" en Vilar de Santos, unha xoia de ouro de gran valor arqueolóxico, que foi adquirida polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e recentemente exposta no Museo da Limia con motivo do centenario do seu achado.
O ano 1924 Benito Saburido, veciño do concello limián de Vilar de Santos, cavaba unha gabia de drenaxe na paraxe de Albariño, non lonxe da actual canle de desaugue da Lagoa de Antela que transcorre polo dito municipio. A dous metros de profundidade deu cunha xoia de ouro, despois coñecida como “arracada de Vilar de Santos”. Estivo en mans de particulares ata que foi adquirida polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense -MAPO- gracias á xestión do entón director, Francisco Fariña. Deuna a coñecer para o mundo arqueolóxico Florentino Cuevillas, coa publicación de 1939 “Una nueva arracada posthasltática”. Despois, o estudo máis completo da peza formou parte da tese de licenciatura de Bieito Pérez Outeiro, publicada co título “De ourivesaría castrexa: I. Arracadas”, cuxa lectura recomendo a quen queira afondar sobre estas pezas.
A arracada é un pendente que, en vez de suxeitarse nunha perforación previamente practicada no pavillón auditivo, cólgase da parte superior da orella por medio dunha cadeíña ou outro elemento de suspensión. A limiá de Vilar de Santos está elaborada con pezas de ouro e ten un peso total de 18 gr. Encadraríase dende o punto de vista arqueolóxico-cultural na ourivería castrexa, a producida e/ou utilizada polos pobos galaicos que habitaron o noroeste hispánico antes da conquista romana. Estaría fabricada, segundo o último investigador citado, entre os séculos III e II a. C., utilizando técnicas características atlánticas, centroeuropeas, e mediterráneas, posto que na xoia conflúen o repuxado a filigrana e o granulado. A fermosa peza, como poden comprobar na fotografía, contén varios adornos, entre os que destacan os “patiños”, elementos ornitomorfos -coa figuración dunha ave- que aparecen de dúas maneiras diferentes: na forma de “prótomos” -representación simétrica da cabeza, o busto e as patas de dous patiños-, ocupando o oco da parte superior, e na de vulto redondo -”en 3D”-, dentro dun dos cinco recipientes ou “campánulas”, concretamente na que ocupa a zona extrema inferior. O diminuto pato sostén, por medio dunha pequena argola que suxeita co pico, un tamén minúsculo acio de uvas. Como poden comprobar na fotografía, a peza é unha xoia de calidade excepcional.
O 20 de decembro de 2024 celebrouse un acto de presentación guiado por Xosé Carlos Sierra no salón da Casa do Concello de Vilar de Santos. Nel impartíronse dúas conferencias: “A arracada de Vilar de Santos no centenario da súa descuberta (1924-2024)”, coa que Bieto Pérez Outeiriño ofreceu as claves arqueolóxicas da peza en cuestión, e “A arracada como identidade”, por Francisco Fariña Busto, que explicou a inclusión do pendente no escudo municipal. Participaron tamén Antón Jardón Dacal, coordinador do padroado do Museo da Limia, e César Llana Rodríguez, director do MAPO.
A xoia -en todos os aspectos- fora ademais cedida durante dous días polo MAPO para ser exposta no Museo da Limia, tamén en Vilar de Santos. Alí puido ser observada e desfrutada por todos os que se achegaron ao lugar. É de agradecer ao Museo Arqueolóxico esta iniciativa para mostrar as pezas nos sitios onde se produciron as descubertas, o que sen dúbida contribuirá tanto á difusión deste tipo de patrimonio cultural como á orgullosa identificación dos habitantes cos achados arqueolóxicos. Parabéns ao MAPO, ao Museo da Limia e, como non, aos herdeiros de Benito Saburido.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
MÚSICA E BAILE POPULARES
O Festival Rebulir cumpre 20 anos como garante de cultura e tradición
Plácido Blanco Bembibre
HISTORIAS INCREÍBLES
Navidad o la fragilidad de Dios
PRAZA DE ABASTOSA
O mercado de Nadal de Celanova, estímulo para o consumo local