Dúas obras consolidarán as torres de Sandiás e Porqueira

MEJORAS

Un investimento de 160.000 euros permitirá correxir patoloxías e mellorar a súa conservación

Redacción | Ourense
Publicado: 28 may 2020 - 05:57 — Actualizado: 29 oct 2026 - 10:20
La Torre de Sandiás domina el paisaje en este municipio limiano (ÓSCAR PINAL).
La Torre de Sandiás domina el paisaje en este municipio limiano (ÓSCAR PINAL).

Unha achega de preto de 160.000 euros permitirá realizar melloras considerables na Torre do Castro, no municipio de Sandiás, e na de Forxa, en Porqueira. A Consellería de Cultura vén de aprobar esta achega que permitirá restaurar ambas torres medievais que teñen, actualmente, a categoría de Ben de Interese Cultural, e que forman parte da rede defensiva da Limia xunto coa Torre de Pena, en Xinzo de Limia, e a Torre de Ceme, en Rairiz de Veiga. Estes traballos teñen como finalidade avaliar as posibles deficiencias, corrixir as patoloxías existentes e mellorar o estado de conservación destes importantes elementos do pasado histórico da comunidade galega.

Actuación en Sandiás

No que atinxe á Torre do Castro, en Sandiás, as actuacións terán un orzamento de 80.000 euros e centraranse en reparar o estado actual da cuberta, onde, segundo subliñaron dende Cultura, é preciso intervir co obxectivo de que este ben poida ser empregado como recurso para o desenvolvemento sostible, e a promoción socio cultural, laboral e económica da zona.

Logo de que os técnicos avaliasen as deficiencias e considerasen as patoloxías existentes, estímase que é preciso limpar o interior da torre e o terreo colindante e eliminar a vexetación dos muros e da cuberta da torre aplicando un tratamento herbicida. A continuación, actuarase sobre a cantería "facendo un rexuntado, selando as gretas e estabilizando a cimentación histórica", apuntan dende Cultura. Os traballos completaranse coa reparación da luz existente e coa recuperación da escaleira interior, un elemento de gran interese que da acceso á cuberta.

Novas melloras en Porqueira

No caso da Torre de Forxa, onde xa se veñen realizando numerosas melloras nos últimos anos como a mellora dos accesos ou a iluminación, invertiranse outros 77.000 euros en solventar outros aspectos. A construcción presenta patoloxías na cuberta e na carpintería. Do mesmo xeito, a existencia de numerosas tellas rotas e de danos no teito fan preciso que se desmonte e elimine a carpintería metálica da cuberta e das tellas e placas para instalar un illamento térmico e cubrir con nova tella de cerámica. Ademais, debido a que a carpintería actual non impide a entrada de auga, cómpre crear unha nova de madeira que evite o deterioro dos elementos interiores. Os traballos inclúen tamén a substitución do pararraios e a instalación dun proxector con tecnoloxía LED.

Contenido patrocinado

stats