Edelmiro Martínez Cerredelo: "Quen non coñeza o ritual dunha pantalla xamais debería levala"
Edelmiro Martínez presentará este venres en Xinzo o seu último libro, “O entroido de Xinzo de Limia. Tradición, respecto e sentimento”
Edelmiro Martínez presentará este venres en Xinzo -praza Carlos Casares, 20,15 horas- o seu último libro: “O entroido de Xinzo de Limia. Tradición, respecto e sentimento”. Trátase dunha recopilación de datos sobre as orixes deste festexo limiao, con máis de 350 fotografías en branco e negro e cor. Como foi o proceso de recadación de imaxes e información para o libro?
Case a totalidade das imaxes son do meu arquivo particular ou resultantes de xestións persoais feitas con algúns veciños. No libro cito moita bibliografía de excelentes estudosos dos entroido. Bibliotecas e prensa antiga e actual.
Que caracteriza ás pantallas?
A máscara da pantalla foise convertendo, ao longo dos anos, nun símbolo da identidade cultural da nosa vila. A pantalla é a máscara máis valorada e amada polos entroideiros locais. Desde sempre ten reservado un lugar privilexiado no noso máis tradicional entroido. A mocidade limiá ten unha especial relación cunha máscara que é a máis numerosa e a indiscutible protagonista do Entroido de Xinzo. O comportamento e os rituais desta ancestral máscara foron transmitidos, ao longo dos anos, de pais a fillos nun proceso de evolución, culturización e transmisión oral desta fermosa tradición da nosa terra.
Como se definiría “o sentimento” polo Entroido de Xinzo?
O lema de “tradición, respecto, sentimento”, foi acuñado hai xa anos pola Asociación Cultural A Pantalla. É moi difícil definir é algo que sentimos os limiaos co Entroido de Xinzo. Creo que o sentes dende cativo, ao vivir e ollar ese cerimonial de cando as nais axudaban aos seus homes e fillos a vestir de pantalla. É ese sentimento que che arrepía o corpo cando, logo da espera, saes orgulloso de pantalla para troulear cos amigos.
É importante ser consciente (coñecer) do ritual dunha pantalla antes de vestir o traxe?
Creo, sinceramente, que o que non saiba e coñeza os rituais, a vestimenta e o comportamento dunha pantalla, xamais debería levala.
Que riscos se asumen permitindo que saian os “espantallos”?
Na década dos anos oitenta e ata ben entrado o século XXI, o Entroido de Xinzo entra nun desmesurado crecemento e masificación, tanto de disfraces como de visitantes.
De súpeto, moitos descobren a beleza desta máscara. A pantalla ponse de moda. No noso entroido, comezou a verse moita rapazada “disfrazada” de pantalla, ás veces sen a carauta ou con ela posta do revés, con capas longas, calzado deportivo branco, sen vexigas ou con elas rotas e bebendo dunha botella de viño ou cervexa pola rúa fóra. Xente irrespectuosa que non ten idea do que representa o rito e a tradición da pantalla no entroido da nosa vila. Afortunadamente e mediante as campañas de divulgación que realiza a Asociación Cultural a Pantalla, nos últimos anos parece que vai descendendo a presencia dos “espantallos”.
Cre que o Entroido de Xinzo, o de rúa e retranca, corre risco de perderse fronte aos botellóns ou as macrofestas?
Ademais de pola pantalla, o noso entroido sempre foi moi coñecido polo seu humor e o que eu chamo os “simpáticos ou graciosos”. Se algo caracterizou desde sempre o Entroido de Xinzo son eses entroideiros que, individualmente ou en compañía doutros, disfrázanse representando calquera personaxe que se lles ocorra, que reproducen con moita orixinalidade e actuando como tales, causando o deleite de propios e estraños. Os botellóns e macrofestas representan, na actualidade, un problema en todas as festas e romarías, o noso entroido incluído. É algo moi difícil de erradicar como podemos ver nesta pandemia que estamos a sufrir. O que teña a solución por favor que o diga!
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último