Elvira Lama: "Isto é a crónica dunha traizón anunciada e evidente de AXIL e PP"
Elvira Lama é xa a exalcaldesa de Xinzo de Limia
As eleccións do 28 de maio converteron ós socialistas de Elvira Lama no partido máis votado polos veciños de Xinzo de Limia. Despois dun goberno cuadripartito encabezado por ela, do que formaban parte PSOE, AXIL, BNG e XA, era de esperar que a esquerda chegase de novo a un acordo -sen Xinzo Adiante (XA) que non se presentou ás eleccións- para confeccionar un novo goberno. Sen embargo, Alternativa por Xinzo de Limia (AXIL), decidiu pactar a última hora cos populares e Amador Díaz, cabeza de lista da AXIL, será alcalde de de Limia durante os próximos 4 anos.
Como valora os catro anos do seu goberno?
Valóroos moi positivamente. Foi un mandato formado por un cuadripartito que logrou chegar ata o final do mandato. Atravesamos momentos moi complexos producidos por unha crise sanitaria e logo unha crise económica importantísima, con un concello fortemente endebedado, pero fomos quen de conseguir proxectos e financiamento para eles.
Contamos con 58 millóns de euros por parte do Goberno Central, da Xunta de Galicia ou da Confederación Hidrográfica. Son proxectos que se quedan aí, asinados, moitos deles xa en fase de licitación e outros rematándose ou executándose, e polo tanto, considero que foi un mandato frutífero e un mandato que tivo un gran éxito
Como foi traballar con ese cuadripartito?
Foi doado traballar en moitos momentos e noutros non foi tan doado posto que había diversos puntos de vista e diferentes opinións. Teño que agradecer que fomos catro forzas con xenerosidade, moitas veces capaces de apartar as siglas políticas, deixando a un lado os nosos ideais para poñernos a traballar arreo polo que realmente importaba: as persoas. Dende o Partido Socialista, o compromiso desta alcaldesa foi sempre establecer contacto co goberno de España e con tódalas administracións que dependían del, co fin de acadar eses grandes proxectos que quedan para ser executados neste mandato.
Esperaba o resultado das últimas eleccións?
Francamente non. Cando saímos ás eleccións sempre saímos a gañar e eu contaba subir máis. Sen embargo, o Partido Socialista é a primeira forza por primeira vez en Xinzo, acadou os mellores resultados, por enriba do Partido Popular. E aínda que esperabamos mellores resultados, o que si é certo é que nos avalan os votos da inmensa maioría dos veciños.
Concretamente, as tres forzas que formaron parte do cuadripartito e foron as eleccións subiron un concelleiro. Isto demostra que ese goberno está abalado, así como a súa xestión. Para min supuxo unha decepción persoal e política o que aconteceu despois destes resultados, que foi a investidura de Amador Díaz Penín. Penso que desgraciadamente o pobo está decepcionado porque iso demostra que non se está a cumprir o desexo e a vontade expresada nas urnas.
Esperaba ese pacto entre PP e AXIL?
A toro pasado podo dicir que ese pacto xa estaba feito antes das eleccións. Estaba xa acordado e só faltaba dalo a coñecer, algo que AXIL, e concretamente Amador Díaz Penín, non quixo nunca recoñecer. Circula nas redes sociais un vídeo onde afirma que non hai pacto, que lle “manca que se fale de pactos que non son nin van ser,” pois queda demostrado que traizoou os seus propios votantes igual que o fixo o PP. Este é o pacto da vergoña, un pacto escuro, pola porta de atrás, que pon en evidencia que o mesmo tempo que se estaba a negociar co Partido Socialista, xa estaban acordados os termos do novo mandato e incluso perfilado como ía ser ese novo goberno, ofertándolle a Amador Díaz catro anos de alcaldía.
Nós mantivemos diálogos co grupo de AXIL, con Díaz Penín e co seu segundo concelleiro. Foron unhas reunións curtas porque o que se puxo enriba da mesa era o reparto da alcaldía dous anos e dous anos, que foi a oferta final que se lle fixo. Nos repartos das concellerías, o único que nós pedíamos era unha concellería para cada un dos concelleiros, dándolle a escoller ou cultura ou servizos sociais na última reunión mantida. Finalmente a ultimísima hora do venres, concretamente as 23,36 minutos, recibimos a chamada que xa sospeitábamos. Un pacto feito dende moito antes das eleccións cos populares. Foi o meu tenente alcalde e ata 24 horas antes non me dixo nada deste pacto co PP moribundo de Baltar.
Cree que este pacto é bo para Xinzo de Limia?
Espero que sexa bo. O que non é bo é traizoar a vontade dos cidadáns que manifestaron nas urnas que o goberno funcionaba. Isto foi a crónica dunha traizón anunciada e evidente do PP e de AXIL. O grupo socialista non pode entender, e os veciños seguramente que tampouco, de feito así nolo están facendo chegar, como unha forza política que sae dun goberno en coalición, un goberno progresista e de esquerdas, é capaz de actuar deste xeito traizoando a quen o votou, e incluso me atrevo a dicir que a súa propia agrupación.
Están facendo chegar que o Partido Socialista non estaba disposto a negociar nada cando efectivamente puxemos enriba da mesa ese co-goberno de 2 anos e 2 anos, onde os últimos dous sería alcalde Amador Díaz Penín. Eu penso que a traizón lle ten que pasar factura nalgún momento porque a xente non pode entender como hoxe se pacta ca dereita e mañá coa esquerda.
Como vai ser o seu traballo na oposición?
O traballo dun grupo que está na oposición ten que ser de fiscalización do que fai o grupo de goberno. Loxicamente faremos unha oposición construtiva. Espero que todos os proxectos que están enriba da mesa, que repito, son proxectos por importe de 58 millóns de euros, paguen a pena por esta traizón aos veciños e veciñas de Xinzo. Esperamos que o goberno que está agora acade, polo menos, a mesma cifra, se é que pode igualala.
Continúa coa mesma ilusión de loitar por Xinzo aínda que agora esté nunha posición diferente?
Os veciños e veciñas permitiron que eu fose a primeira muller alcaldesa da historia en Xinzo de Limia, a maior honra política, a maior responsabilidade para unha persoa que ama o seu pobo e que loita porque a cidadanía teña a mellor calidade de vida.
Dito isto, eu, que son profundamente democrática e de esquerdas, seguirei a loitar por esas melloras para os veciños do meu pobo, a quen servín con honestidade e con lealdade sen agochar nuna con quen pactaría e con quen non. Algo que, a vista dos feitos está, non o fixo o actual alcalde, Amador Díaz Penín.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último