Elvira Lama: "Non foi doado, pero o cuatripartito funcionou"
Entrevista
A rexedora de Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, visitou o programa “La entrevista de hoy”, que emite Telemiño, para falar sobre a actualidade e os proxectos en marcha no Concello que dirixirá ata o 28 de maio e que agarda seguir facéndoo nun segundo mandato. Tamén para facer balance dos catro anos de actividade dun goberno, integrado por catro partidos, que tivo que apartar as súas diferenzas para chegar a entendementos.
Á diferencia do que aconteceu en Ourense, onde a falta de acordo non posibilitou sacar adiante unha moción de censura, en Xinzo durante catro anos gobernouse en coalición sendo vostede a líder e a única muller, ¿como foi este mandato?
O primeiro que fixemos foi aparcar as siglas políticas porque nos uniu a vontade do pobo, que quixo un goberno progresista. O obxectivo principal foi transformar Xinzo e acadar para o noso concello servizos e infraestruturas. Penso que funcionou durante estes catro anos e non foi doado.
Non foi doado porque polo medio chegou unha pandemia.
A pandemia truncou moitos proxectos que tiñamos en mente e que queriamos poñer en marcha. Houbo que aparcalos durante un tempo e adicarnos ás persoas, que era o primordial: A atención á poboación, aos nenos, aos maiores e a toda esa xente, en xeral, que podía, ou non, ser positivo en covid. Tivemos que destinar moitos esforzos a aquela situación e poñernos a traballar, porque os Concellos tivemos que afrontar todo con recursos propios.
Durante moito tempo, Xinzo non lle prestou a atención que precisaba ao seu río e agora está nas condicións nas que está. É un dos seus grandes proxectos.
Si. É un río internacional e a arteria principal da Limia, pero ten unha problemática seria. É un río moi contaminado e penso que a carga agrícola e gandeira que ten é importante, pero tamén as administracións temos a nosa parte de responsabilidade. Falando coa Confederación Hidrográfica puxémoslle cabeza a un proxecto que consiste na eliminación dos verquidos da marxe esquerda do caudal, onde temos infraestruturas, incluso, municipais, e que están vertendo a esa canle dunha forma que non é a que ten que ser. Esto significa ter que traspasar o río por debaixo do leito co saneamento e conducir as augas sucias ata a depuradora de Xinzo. A continuación virá un paseo duns catro quilómetros por ambas marxes dotado de senda peonil, carril bici e alumeado.
Os accesos á Xinzo conformaban outra das asignaturas pendentes.
As obras xa están en licitación no Ministerio. É un plan ambicioso e do que sempre se falou, de transformar esa entrada a Xinzo e todo o vial principal. Desta vez acadamos o financiamento do Ministerio de Transportes que vai a transformar dita vía e a vai a converter nunha travesía urbana con todos os servizos. Terá que estar rematada no 24.
Nas enquisas de adxudicación de investimento en obra pública Xinzo ocupa os primeiros postos.
Froito de que este ano levamos a cabo o cambio de alumeado a tecnoloxía Led. Este proxecto nunca se pedira en Xinzo e nós fomos quen de acadar 1,8 millóns do IDAE.
Como están as contas de Xinzo nestes intres?
Conseguimos reducir a débeda do plan de axuste que temos con Facenda. A recomendación, cando chegamos, foi a reducción do cinco por cento nos capítulos un e dous, agora é do dous.
A actividade cultural non cesa en todo o ano, pero chama a atención que non haxa un auditorio.
É a asignatura pendente. Estamos en disposición de adquirir os terreos e poñernos en marcha co proxecto.
Se falamos de cultura, aí está Trandeiras.
Si, un mosteiro que estaba esquecido. Acadamos un compromiso por parte da Confederación Hidrográfica e xa están as obras iniciadas por un importe de case 700.000 euros para, nunha primeira fase, rehabilitar os conductos das augas e tamén os muros. Todo elo para facer desa xoia un lugar visitable. Haberá unha segunda fase para dotalo dun espazo de interpretación e unha sala para conferencias.
Como encara o futuro Xinzo?
Con optimismo. Temos un proxecto que comezou con este mandato, pero que ten que continuar no seguinte. Catro anos é pouco tempo para adquirir compromisos e que estes sexan reais e conten con financiamento. Nos gustaría que se materializaran todos eles. Conseguir financiamento para proxectos como o centro de maiores é fundamental para Xinzo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último