O gato Miquits da Limia triunfa en Rusia: “en dous meses esgotáronse as copias”

BANDA DESEÑADA

Ambos veñen do mundo da educación, Primaria e Secundaria: “O que nos une é esa necesidade de crear, de imaxinar universos e de transmitir emocións, especialmente pensando nos máis pequenos, pero sen esquecer ao público adulto que tamén nos le”.

Xabier Domínguez e Alba de Evan cos exemplares.
Xabier Domínguez e Alba de Evan cos exemplares. | La Región

Xabier Domínguez e Alba de Evan son dous escritores de literatura infantil e xuvenil da Limia con máis de 25 libros as súas costas, traducidos a diferentes idiomas, incluído o ruso, ao que recentemente se traduciron as dúas primeiras aventuras de Miquits, o cómic protagonizado por un gato “moi ourensán”.

Defínense como dúas persoas “curiosas e inquedas, con moitas ganas de contar historias”. Ambos veñen do mundo da educación, Primaria e Secundaria. “O que nos une é esa necesidade de crear, de imaxinar universos e de transmitir emocións, especialmente pensando nos máis pequenos, pero sen esquecer ao público adulto que tamén nos le”.

Pregunta. Como e cando nace Miquits?

Respuesta. Miquits naceu dun xeito bastante natural no 2022, case como un xogo. Partiu dunha idea sinxela, crear un libro que contara as historias do gato dunha bruxa. Nun primeiro momento era só unha historia para experimentar no mundo do cómic, xa que era a nosa primeira obra de este tipo, pero axiña nos decatamos de que tiña algo especial, algo que podía conectar co público. Iso foi o que nos animou a darlle forma definitiva e apostar por ela como proxecto editorial, e debido o éxito do primeiro título, sacar un segundo.

P. Que elementos da cultura galega (ou ourensá neste caso) identifican a Miquits?

R. Miquits está moi impregnado da nosa terra. Hai referencias á paisaxe, á forma de falar, ao humor galego e a esa maneira tan nosa de ver o mundo, entre a retranca e a tenrura coanse un tema de Andrés do Barro, a coca (animal fantástico de Redondela), así como a presenza na historia de meigas e bruxos tan presentes na cultura galega e ourensá.

P. Escollestes unha editorial galega, concretamente limiá... Que vos fixo decidirvos?

R. Tiñamos claro desde o principio que queriamos apostar polo local. Traballar cunha editorial galega permitíanos manter esa proximidade, ese coidado polo detalle e esa complicidade que ás veces se perde en estruturas máis grandes. Nós formamos parte de Antela editorial e decidimos arriscar e abrir unha liña de banda deseñada, inaugurada precisamente con Miquits.

P. Como foi o salto ao mercado internacional nun primeiro momento?

R. Foi unha mestura de ilusión e vertixe, e sobre todo de non crelo ata ter os exemplares físicos na man. Nunca sabes moi ben como vai reaccionar un público doutro contexto cultural, pero ao mesmo tempo é moi emocionante ver que unha historia que nace aquí, no rural, e en galego pode viaxar tan lonxe. Foi un proceso de aprendizaxe constante, no que tivemos que adaptarnos e confiar en que a esencia da obra seguiría funcionando. A verdade é que no mercado ruso está a funcionar moi ben, esgotándose os exemplares da primeira impresión, soamente dous meses despois.

P. Como chegou a oportunidade de traducilo ao ruso?

R. Xurdiu grazas á axencia que representa a nosa liña de banda deseñada, Tormenta libros. Presentouno en feiras internacionais a diferentes editoras estranxeiras, entre elas a Clever, que viu potencial na historia. Foi unha desas oportunidades que aparecen unha vez na vida, e que hai que saber aproveitar. Para nós foi unha sorpresa moi agradable, e tamén un recoñecemento ao traballo feito.

P. Que elementos credes que gardan en común as culturas rusa e galega para que a historia lles resulte atractiva aos cativos?

R. Aínda que poidan parecer culturas moi distintas, hai puntos en común importantes e similares: a importancia do humor, a maxia, a familia e as emocións sinxelas e aventuras divertidas. A cativada, ao final, comparte unha maneira de ver o mundo moi universal, e iso fai que conecte con relatos que falan de sentimentos, de aventuras e de descubrimento, independentemente do lugar onde vivan. Se a todo isto sumas que o protagonista é un gato, tes a receita do éxito

P. Tamén está en camiño a tradución ao inglés para adentrarse no mercado de EUA, con grande tradición na banda deseñada... Que expectativas tedes para Miquits?

R. Sabemos que é un mercado moi competitivo, pero tamén cheo de oportunidades. Non imos con expectativas desmedidas, senón con ganas de desfrutar e de ver ata onde pode chegar Miquits. Que se lanzasen a publicar en EE.UU. e Australia a nosa historia para nós xa é un logro e unha satisfacción ben grandes. E, por suposto, será moi especial ver a nosa historia convivindo nun contexto con tanta tradición na banda deseñada. Quen sabe, se algún día se interesan por adaptalo a un medio audiovisual, volveremos por La Región a compartir a gran nova.

Contenido patrocinado

stats