O novo risco de gripe aviar obriga a confinar as galiñas en 5 municipios da Limia
PREVENCIÓN
A declaración do Ministerio de Agricultura esixe a medida para evitar o contacto coas aves silvestres
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de decretar que as galiñas duns 40 municipios galegos deberán estar confinadas a partir do vindeiro luns, 10 de novembro, polo aumento do risco na evolución da gripe aviar. A Consellería de Medio Rural comunicou a decisión tomada polo Ministerio tralo informe publicado onte, no que se sinala que nas últimas semanas produciuse un aumento no número de casos detectados, tanto en aves silvestres como en aves de curral.
Cinco destes 40 concellos atópanse na comarca da Limia: Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia. Estes municipios están considerados Zonas de Especial Vixilancia (ZEV), e dende o 10 de novembro, aplicaranse neles medidas específicas de protección contra a influenza aviaria, entre as que se atopa o confinamento dos animais en espazos pechados, e cando non sexa posible, a autoridade competente será quen deba autorizar o mantemento destes ao aire libre mediante a colocación de dispositivos que impidan a entrada de aves silvestres.
As aves tamén terán que ser alimentadas dentro do curral ou nalgún emprazamento que impida a chegada de aves silvestres e evite o contacto destas cos alimentos ou a auga, prohibíndose tamén dar auga procedente de depósitos aos que poidan acceder as aves silvestres. As medidas tamén atenden á prohibición do emprego de varias especies de aves como reclamo, a cría de patos e gansos con outras aves de curral ou a presenza destas ou outro tipo de aves en mostras, exhibicións ou celebracións.
Entre o 1 de xullo e o 5 de novembro, detectáronse en Galicia un total de 9 focos de Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP), todos eles en aves silvestres. Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, desde a Consellería do Medio Rural vólvese a insistir na importancia de reforzar as medidas de bioseguridade das explotacións avícolas galegas, intensificando a vixilancia das aves domésticas e silvestres, e recomendan non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais.
Esta nova situación pillou a moitos veciños da comarca por sorpresa: “Eu non coñezo a ninguén que tivese problemas coas galiñas, cando lle morren a algún veciño moitas, un rápido se decata”. Varios veciños dos Concellos de Sandiás e Xinzo de Limia recordan que esta situación é frecuente nos últimos anos, “recomenden ou obriguen, ao final hai que facelo”, explicou Ramón, “ninguén quere que lle morran os animais”.
Diego Rois, veterinario da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós), explicou que ata o de agora “non houbo casos en aves de curral en Galicia”, e que esta nova restricción vén dada pola presenza desta enfermidade en galiñas noutras zonas da península: “en Galicia é principalmente por previr”, explicando que ningún destes nove casos se deu na comarca limiá.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último