Obituario | Francisco Enríquez Cid, o sorriso emprendedor

OBITUARIO

Din que un emprendedor é aquel que ve oportunidades onde outros só ven problemas, e Mark Twain engadía que “todo home cunha idea nova é un tolo ata que a idea triunfa”. Onte deixounos Francisco Enríquez Cid (Lamas, Ourense, 3-VIII-1935 - Vigo, 8-XII-2024), un emprendedor dos de verdade que aprendeu o valor de rubricar os seus negocios cun sorriso no canto dun contrato, e que soubo que o mellor uso da riqueza e compartila a mans cheas cos demais.

Luis, Celso y Laura Cid

Publicado: 08 dic 2024 - 19:37 Actualizado: 08 dic 2024 - 19:40

Francisco Enríquez Cid, emprendedor de Lamas, Ourense
Francisco Enríquez Cid, emprendedor de Lamas, Ourense

“O Paco de Vigo”, como era coñecido en toda a provincia de Ourense, nomeadamente na súa Limia natal, foi un emprendedor coma os que describía Mark Twain, un atrevido optimista que rematou por amosarlles a todos que tiña razón cando os seus negocios triunfaron. E foron moitos, pioneiros e atrevidos nunha Galicia que bocexaba na economía dos anos 70. As primeiras discotecas con espazos múltiples de moitos lugares de Galicia, desde Xinzo e Ourense ata O Porriño, naceron da súa iniciativa e da dos seus socios, incluíndo a emblemática “Oliver” de Vigo, que rompeu moldes desde os tempos previos á “movida” e que remataría anos máis tarde por poñer un selo olívico na noite española.

Os comezos non foron fáciles. Na deprimida Limia da posguerra o único que abundaba era a fame, e o que máis que lle sobraba a Paco era alegría, chispa e a intelixencia maliciosa propia dunha xeneración que o tiña todo por facer. E para comezar ese camiño, o compás marcou a dirección, como a tantos, de Bos Aires, cara onde embarcaba en 1962 coa súa inseparable Isolina. Alí, en Ramos Mejía, comenzou unha odisea emprendedora, traballando de carpinteiro (xa tiña experiencia de neno, furando a tulla da tía María de Penín, xunto con quen subscribe estas liñas) no barrio de Palermo, a carón do porto bonaerense, facendo casas prefabricadas de madeira.

O seu primeiro negocio en solitario, coma bo ourensán, foi unha fábrica de paraugas, odise empresarial que durou cinco anos, ata o retorno a España. Paco trouxo a retina, coma el mesmo confesaba, chea de visións de negocio e de modelos de emprendemento que materializar nunha España cunha economía que comezaba a medrar. Atreveuse, nin máis nin menos, que cun bar de viños no mesmísimo centro de Vitoria, o “Henri”, que foi tal éxito que as colas percorrían a rúa Dato de punta a cabo.

Malia todo, o desexo de escolarizar aos fillos en Galicia, voltouno a achegar á casa. Nesta ocasión, o destino foi Vigo, co segundo gran éxito empresarial de Paco, xa o “Paco de Vigo”, na hostalería e no desenvolvemento dun incipiente ocio nocturno con selo de música disco. Con varios espazos e actuacións en directo, “Oliver” habería de converterse nun referente da noite viguesa durante xeracións.

A intelixencia natural para as oportunidades, xunto co aprendido na escola da emigración, fixeron o resto. Xunto cos seus irmáns e cuñados, impulsou un verdadeiro “holding” da noite que se estendeu por todo o sur de Galicia. Máis tarde chegaría a expansión ao sector inmobiliario, con Enriquez S.A., e a xeración de riqueza en moitas áreas industriais da fibel urbana de Vigo.

Na deprimida Limia da posguerra o único que abundaba era a fame, e o que máis que lle sobraba a Paco era alegría, chispa e a intelixencia maliciosa propia dunha xeneración que o tiña todo por facer.

Entre os persoeiros destacados do tándem Limia-Rías Baixas, comparte un curioso triángulo biográfico con outro dos grandes, o escritor Carlos Casares. Igual co autor dos “Escuros sonos de Clío”, a vida radicular, afectiva, de Paco habería de discorrer entre os pobos de Lamas, onde naceu, e Sabucedo, onde aveciñou polo seu matrimonio con Isolina. Igualmente, Casares criouse en Lamas, na casa dos avós paternos, e Sabucedo, na casa de Benito e outra Isolina, a avoa materna do escritor. Tanto Paco coma Casares remataron a súa vida co seu espazo personal ubicado dentro da contorna de Vigo.

Porén, a súa verdadeira riqueza foron sempre os seus. Sería curto e tópico dicir que Paco foi un home de familia, xa que, alí onde estaba, el mesmo era o corazón da familia. Cun sorriso eterno e peculiar, diríase que cun retrinco ao Humprey Bogart, fixo súa coma ninguén a frase de Pablo Neruda que di que “a risa é a linguaxe da alma”. Non sen motivo, os estudos indican que os nenos sorrín 400 veces ao día, mentres cos adultos só 15.

Sorriu as 400 veces cada un dos días da súa vida, facendo máis leda a existencia dos demais, especialmente de todos os que o arrodeaban

Neste sentido, Paco foi un neno por sempre. Sorriu as 400 veces cada un dos días da súa vida, facendo máis leda a existencia dos demais, especialmente de todos os que o arrodeaban. Que llo digan aos amigos de Vigo para os que chegou a fretar un autobús a Xinzo, para que probaran “un verdadeiro cocido” na Moura da Filgueira.

El hoxe estará moi contento. Ás 16:30 acudirá co seu inimitable bo humor á súa última cita cos que o quixeron en Sabucedo, onde o agarda dende hai catro décadas quen nunca debeu marchar, a súa filla Estela. Xuntos xa poderán vixiar a antiga Lagoa de Antela, sorrindo coma unha estrela brilante por riba da Torre da Forxa.

Contenido patrocinado

stats