As reflexións do Vello Milenario, Gonzalo Iglesias Sueiro, encandilan a Xinzo de Limia
PRESENTACIÓN LITERARIA
“Reflexiones en el último milenio” é o título da antoloxía de artigos escritos en La Región por Gonzalo Iglesias Sueiro, que foi presentado onte nunha ateigada Casa da Cultura de Xinzo
Máis de 200 persoas arrouparon onte a Gonzalo Iglesias Sueiro na presentación do seu libro na Biblioteca Antelana de Casa da Cultura de Xinzo. O expolítico, profesor e articulista aínda en activo presentou ante os seus, no pobo do que é fillo adoptivo dende o ano pasado, as “Reflexiones en el último milenio”, unha antoloxía de artigos escritos por el no xornal La Región entre 2011 e 2024.
A pesar do frío e das pingadas que caían, a biblioteca encheuse ata o punto que non quedaron máis cadeiras libres e moita xente quedou de pé polas beiras da sala para escoitar o mestre limiao. Á presentación acudiron moitas caras coñecidas de Xinzo e a expectación por ver chegar a Gonzalo era abraiante. Notouse cando entrou pola porta, cun sorriso e saudando a todo o mundo. Víaselle contento, ilusionado de estar rodeado de tanta xente que o quere e admira e que agardaba impacientado escoitar as súas verbas
Amador Díaz, o alcalde de Xinzo de Limia, abriu o acto agradecéndolle a Gonzalo ter escollido a vila onde o queren tanto dende que en 1975 se comezara a gañar os veciños. Seguiuno Alfonso Lois Suárez, quen participou na edición do libro e foi alumno do autor, recalcando que foi un orgullo traballar no libro. Na súa intervención narrou unha brincadeira que fixo coa Intelixencia Artificial, na cal lle facilitaba os artigos recompilados no libro a ver se podía de descubrir o autor. Despois de definir a Gonzalo Iglesias Sueiro en sete puntos cheos de boas palabras sobre a súa persoa e os seus artigos, a IA dixo que o autor era o “Vello Milenario”.
“O refuxio da casa e os afectos da familia son fundamentais, se perdemos a familia, perderémolo todo”
Despois interveu Maribel Outeiriño, xornalista e escritora galega, quen nun ton gracioso lle dixo a Gonzalo: “¡Vaya líos armas!”. Resaltou que o libro, malia ser pesado pola cantidade de contidos e os materiais escollidos, non o é á hora de lelo. Dixo que unha das cousas que distingue a La Región é a gran cantidade de cidadáns que queren colaborar contando as súas historias, tradición que comezou cos membros do grupo Nós e que por sorte para todos continuou facéndose, o que nos permitiu desfrutar dos artigos de Gonzalo.
“Un libro extraordinario”
Pola súa banda , Xesús Alonso Montero, expresidente da Real Academia Galega, realizou un longo eloxio á vida de Gonzalo e a súa obra. “Estamos ante un libro extraordinario, poucas veces tiven a oportunidade de facer o prólogo a un libro tan ben escrito e asombroso coma este”. A súa intervención deu fe do bo escritor e brillante pensador que é Gonzalo Iglesias Sueiro, pois declarouno como un “dos grandes escritores de Galicia”, cun saber moi alto, “polas citas e mencións que fai nos seus excelsos artigos”.
Finalmente, Gonzalo Iglesias Sueiro regaloulle aos presentes as palabras que tanto agardaban cunha lúcida exposición dalgúns momentos importantes da súa vida, como os recordos que garda do pobo no que naceu e a inspiración tan grande que foi para el o seu avó, de quen conserva un poema do cal recitou un anaco en presencia de todos. “Comecei a escribir porque necesitaba aplacar a angustia que me provocaban as miñas dúbidas”, reflexionou durante a súa exposición, na que recalcou a importancia da moralidade e da ética como brúxula nas decisións difíciles, animando aos presentes a loitar pola liberdade de pensamento.
Sueiro afirmou que “a sociedade ten que cambiar, non podemos perder á familia, se non perderémolo todo”, unhas verbas coas que invitou aos presentes a non desapegarse dos seus: “O refuxio da casa e os afectos da familia son fundamentais, non deixedes que as máquinas ocupen o lugar dos pais e avós”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último