Tributo á historia local da Limia
PREMIO PEDRA ALTA 2024
O historiador Edelmiro “Miro” Martínez Cerredelo, cronista da Limia, recibiu este sábado o premio Pedra Alta, que concede o padroado do Museo da Limia, nunha xornada de reivindicación da memoria colectiva da comarca na que moitos amigos arrouparon ao homenaxeado
Se a riqueza das personas se medira polo número de amigos que son quen de mobilizar un sábado de magosto, o limiao Edelmiro Martínez Cerredelo (Xinzo de Limia, 1946), a quen todo o mundo coñece simplemente como “Miro”, pódese considerar un home ben afortunado.
Nun día solleiro, a figura do historiador Miro ateigou o salón do Concello de Vilar de Santos, que durante un par de horas converteuse no centro dese pequeno universo coñecido como A Limia.
Recoñecido novamente, tras ser nomeado fillo predilecto do seu Xinzo natal hai dous anos, a xornada puxo en valor a figura dos historiadores locais coma el, responsables de conservar a memoria, moitas veces esquecida, dos lugares máis pequenos, a coñecida como “microhistoria”. En palabras de Xulio Prada, decano da Facultade de Historia de Ourense e ponente durante o acto, un dos méritos de Miro é o de “unir historia e memoria”.
Na entrega desta VII edición do premio Pedra Alta, que outorga dende 2017 o padroado do Museo Etnolóxica da Limia, tampouco faltaron representantes institucionais, como os alcaldes de Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo, e varios concelleiros da comarca.
Mercedes Veites, vicepresidenta do padroado, lembrou que o Pedra Alta premia a persoas ou entidades da comarca “cuxa obra ou labor é capaz de proxectar unha pegada merecente de consideración nas Terras do Limia ou fóra delas”. O secretario, Xoán Jardón, deu lectura á proposta “unánime” para conceder o premio a Miro, co que “se rende homenaxe aos eruditos locais, que tanto levan contribuído ao coñecemento da historia que nos é máis próxima”.
“Un pobo sen historia”
Tras recibir o premio, un menhir obra do escultor limiao Xosé Lois Carreira, tivo lugar a laudatio, a cargo do arquitecto e escritor Manuel Seoane. A continuación tomou a palabra o galardoado, que agradeceu a presenza de tódolos asistentes e a concesión da distinción.
O historiador lembrou como de mozo percibía á sociedade limiá como “un pobo sen historia”, pero que agora comprendía que “tódolos sucesos históricos sempre tiveron repercusións na nosa terra”.
Miro non se esquezou dos investigadores locais, “que preservan, comprenden e transmiten a riqueza do noso pasado, manteñen viva a memoria e ofrecen a cada xeración ferramentas para interpretar o presente á luz do noso pasado”.
Finalmente, Delfín Caseiro, presidente do padroado, falou en nome de todos e afirmou que “queremos que (Miro) nos siga desvelando a historia que nos marca e nos condiciona, para seguirmos tendo conciencia colectiva”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ACCIDENTE LABORAL MORTAL
Muere un hombre por una posible intoxicación de monóxido de carbono al revisar un generador
DEFICIENCIAS EN LA SEGURIDAD
Primor cierra temporalmente en la rúa do Paseo en Ourense por incumplir la normativa de incendios