Entroido 2022 | Xinzo restrinxirá o tráfico na vila os días centrais da festa
Habilitarase o sábado un posto de primeiros auxilios con efectivos da Cruz Vermella e do CIM
O Concello de Xinzo prepárase para as xornadas máis agardadas do ano, polo festivo, pero tamén para as que é preciso extremar todas as precaucións dada a importante afluencia de visitantes prevista. A rexedora local, Elvira Lama, aseguraba hai unhas semanas que, aínda que o Entroido sería este ano de transición, non se escatimaría á hora de reforzar a seguridade, sobre todo, nos días centrais, os cales comezarán este venres.
Na liña de perfilar os postos de seguridade, a vixilancia e os cortes de tráfico precisos, a alcaldesa, xunto aos seus concelleiros de Mobilidade e Festexos -Ramón Gómez Salgado e Ramiro Rodríguez, respectivamente- reuniuse con efectivos da Policía Local, da Garda Civil e tamén de Protección Civil. Ademais das restriccións ao tráfico, o día 26 -noite grande do carnaval- está previsto que a Axencia Galega de Emerxencias instale un posto de mando no cruce da N-525 coa rúa Curros Enríquez, fronte á Praza Maior. O obxectivo desta medida será velar pola seguridade dos cidadáns durante a fin de semana.
Tamén haberá videovixilancia durante a noite na que se agarda a maior afluencia de visitantes de todos os festexos que compoñen o ciclo limiao -cortarase o tráfico nas inmediacións da Praza Maior dende as 17,00 horas para permitir a instalación do camión e das cámaras-. Do mesmo xeito, e tal e como anunciaron dende o Consistorio, estará operativo un posto médico de auxilios, así como de efectivos de Cruz Vermella e do Centro de Información á Muller para “dar resposta coordinada ante calquera incidente”.
No referente ao tráfico, haberá que realizar restricións entre os puntos quilométricos 197,500 e 199,500 da estrada N-525 e habilitaranse os correspondentes desvíos alternativos. Os cortes realizaranse o sábado, 26 de febreiro, de 17,00 horas a 06,00 horas; o domingo, 27 de febreiro, de 17,00 horas a 21,00 horas; o luns, 28 de febreiro, de 17,00 horas a 23,00 horas; o martes, 1 de marzo, de 17,00 horas a 21,00 horas e o domingo, 6 de marzo, de 17,00 horas a 21,00 horas.
O sábado de Entroido restrinxirase o acceso á vila para os autobuses e só poderán chegar ata a parada as liñas regulares, para o resto establecerase un peche e habilitarase a explanada dos institutos como punto de carga e descarga de viaxeiros.
O gran camiño
O Entroido non será o único evento que obrigue a realizar cortes de tráfico na vila limiá, xa que o sábado 26 instalarase unha “meta flotante” fronte á praza Maior con motivo da Volta Ciclista O Gran Camiño. O percorrido afectará á estrada OU-1117 (N-525 a cruce con estrada de Vilar de Barrio OU-1102); á pista que enlaza a estación de servizo Antela ao núcleo de Baronzás; á estrada de Baronzás por Morgade OU-1102 e ás rúas Curros Enríquez, Avenida de Madrid no cruce con Dous de Maio e Avenida de Ourense.
O horario aproximado no que se agarda o paso do pelotón é dende as 13,45 horas ás 15,00 horas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
APROBADO POR EL PARLAMENTO
El año 2026, declarado como 'Ano Oteriano' por el 50 aniversario de la muerte de Otero Pedrayo