Trives celebrou 25 anos de paixón polos cogumelos
XORNADAS MICOLÓXICAS
O bo tempo, a música e a gran participación nas xornadas micolóxicas marcaron esta vixésimo quinta edición que repartiu preto de 7.000 tapas entre once locais
As Xornadas Micolóxicas de Trives chegaron este fin de semana ás súas vodas de prata convertidas xa nunha cita imprescindible do outono na comarca. O Club de Montaña Trives, organizador do evento, celebrou a súa edición vixésimo quinta cun programa que combinou natureza, gastronomía e cultura, e que logrou reunir a centos de persoas entre o 31 de outubro e o 2 de novembro.
O venres abriu o programa o tradicional Concurso da Tapa Micolóxica, no que once bares e restaurantes locais competiron con orixinais propostas elaboradas con setas.
O sábado comezou cunha charla da Asociación Micolóxica Os Cogordos no IES Xermán Ancochea Quevedo, seguida dunha saída ao campo na que participaron preto dun cento de persoas repartidas en dous grupos. O tempo acompañou e permitiu gozar dunha xornada de aprendizaxe e recollida de fungos.
Ao regreso, os participantes degustaron un menú gourmet no Restaurante La Viuda, onde cada prato tiña ás setas como protagonistas. “Foi un xantar que deixou a todos encantados con cada prato”, sinalaron desde a organización, destacando a calidade e a creatividade da proposta gastronómica.
Pola tarde, o protagonismo estivo na Casa Grande, onde se inaugurou a exposición de especies acompañada pola actuación da Banda de Gaitas Os Trintas e unha emotiva representación teatral da asociación A Caniceira, titulada Moxenas, inspirada nos incendios deste verán e que conseguiu arrincar algunha bágoa entre o público. A festa continuou nos bares coa música dos grupos Os Trabazos e As Macizas Centrais, que puxeron ritmo á degustación de tapas toda a xornada.
O domingo, a exposición permaneceu aberta ao público durante todo o día e pola tarde tivo lugar a entrega de premios do concurso. O Bodegón foi o gran triunfador, logrando o primeiro premio tanto ao mellor sabor como á mellor presentación. Completaron o podio Manolos e As Maceiras no apartado de sabor, e A Masía e A Cantina do Catro no de presentación. Todos os locais recibiron un diploma de participación, e houbo tamén sorteos de agasallos entre os votantes.
Desde o Club de Montaña Trives, a organización fai un balance moi positivo desta edición: “Contamos que entre os once locais participantes se repartiron en toda a fin de semana preto de 7.000 tapas”, sinalaron, destacando tamén “a excelente acollida do público e o ambiente de convivencia que se respirou en Trives”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PRAZA DA IGREXA
Un balcón de cegoñas nace no corazón de Pobra de Trives
CULTURA NA EDUCACIÓN
Galería | O Entroido ensínase en Trives
CULTURA EN TRIVES
Naturaleza y memoria se citan en el IES trivés
Lo último
EMBAJADORA EMPRENDEDORES
Los innovadores caminaron por la Vía da Prata de Allariz
26, 27 y 28 DE JUNIO
Este verano, ojo al dato con el Basket Data Summit 2026 en Ourense
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Las nuevas generaciones vivirán mejor
Itxu Díaz
EL ÁLAMO
El destructor Simón-Sánchez