FENDAS PERIGROSAS
O risco de deterioro pecha a ponte medieval de Lumeares
FENDAS PERIGROSAS
O Concello da Teixeira vén de pechar ao paso a ponte medieval de Lumeares, situada sobre o río dos Vaos, ante o risco que presenta o seu estado de deterioro. A prohibición manterase ata novo aviso para evitar posibles accidentes e garantir a seguridade das persoas.
A ponte comunica a aldea de Lumeares, pertencente ao concello da Teixeira, co pobo de Santa Tegra, no municipio de Castro Caldelas. Aínda que na actualidade non é unha vía moi transitada, si forma parte de diferentes rutas de sendeirismo que percorren este punto da Ribeira Sacra.
A preocupación polo seu estado tamén chegou á veciñanza. Alex Balbona, veciño de Lumeares, foi unha das persoas que detectou unha fenda na parte interna da estrutura e alertou do risco que podía supoñer: “Vin a greta non fai moito. Por agora non caeu aínda ningunha pedra, pero está claro que o pouco patrimonio que temos debemos conservalo”.
O Concello trasladou á Xunta a preocupación polo deterioro da ponte e solicitou unha avaliación dos danos. Segundo o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Administración local xa pedira en marzo de 2026 a revisión de varios elementos patrimoniais de Lumeares, entre eles a ponte, e en setembro reiterou a petición ao advertir de que o seu estado estaba a empeorar.
Patrimonio, na súa resposta, lembra que a conservación dos bens protexidos corresponde á entidade titular e que, no caso da ponte, parece ser do propio concello, xunto co de Caldelas, xa que a ponte divide os dous municipios. Para realizar unha reparación definitiva, deberá elaborar un proxecto técnico redactado por persoal cualificado e remitilo á Consellería de Cultura, que terá que autorizalo antes do inicio das obras. Un trámite que pode resultar especialmente complicado para un concello pequeno, polos custos que supón tanto a elaboración do proxecto como a posterior intervención. “Esto é todo bastante reciente, pero haberá que continuar ata conseguir salvar o noso patrimonio”, sinala Balbona.
A Xunta considera necesario que o Concello avalíe tecnicamente o estado da ponte e adopte as medidas necesarias para evitar riscos. O peche actual responde precisamente a esa necesidade de garantir a seguridade das persoas. A pesar do deterioro da ponte, a zona presenta un bo estado de limpeza. “Ao estar a Ribeira Sacra buscando ser Patrimonio da Humanidade, pois este tramo está limpo”, engade Balbona.
A ponte medieval é un elemento do patrimonio histórico da zona e paso vinculado ás rutas de sendeirismo que percorren o territorio. O seu peche pon sobre a mesa a importancia de conservar o patrimonio das aldeas da Ribeira Sacra e as dificultades dos concellos para afrontar este tipo de actuacións.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último