A artesanía local e galega ten unha cita en Allariz

"ARTE DE MAN"

O mercado “Arte de Man” encherá a vila de artesáns o 7 de setembro

Publicado: 26 ago 2025 - 12:39 Actualizado: 26 ago 2025 - 12:40

A alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid, e a concelleira de Promoción Económica, María López.
A alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid, e a concelleira de Promoción Económica, María López.

Allariz acollerá o 7 de setembro unha nova edición do mercado de artesanía “Arte de Man”, que reunirá a artesáns de referencia de Allariz e de toda Galicia. O encontro desenvolverase na zona de Santo Estevo, de 11,00 a 20,00 horas, convertendo o centro histórico nun escaparate da creatividade e do traballo feito a man.

A feira contará coa presenza dunha ampla variedade de participantes que amosan a diversidade e calidade da artesanía galega: Mamá Sara (A Marinhenta), Marta Cui (cerámica artesanal), Xogo de Fíos, Enxógate, Imprime 3D, Estudo Aldea, Olería do Batán, Mor Talla, Magari Clay, Museo do Coiro, A.N.D.R.E.A., Moi de Flores, Luis Pachón, Artesanía Nómada, Paulinha de Arzoá, Coco y Lobo, Paselopase, Merino Coqueta e Rosa Ana Soto.

A alcaldesa, Cristina Cid, e a concelleira de Promoción Económica, María López, destacaron a importancia de pór en valor a artesanía local e galega como parte esencial do patrimonio cultural e económico de Allariz, convidando á veciñanza e visitantes a participar e apoiar o talento creativo da vila e de Galicia. “Arte de Man” constitúe unha oportunidade única para descubrir produtos singulares, apoiar o comercio local e gozar dunha xornada de convivencia arredor da arte, a música e a tradición artesanal.

Actividades paralelas

O mercado tamén ofrecerá outras actividades ao público. Ás 12,00 horas haberá un obradoiro de creación con flores secas a cargo de Moi de Flores, unha actividade gratuíta para todos a partir de 6 anos, con prazas limitadas por orde de chegada. Xa á tarde, de 17,00 a 19,00 horas, haberá un concerto de Piratas Sen Parche como peche de xornada.

Contenido patrocinado

stats