Begoña Garrido Labrador: “O ser humano debería aprender toda a vida”

EDUCACIÓN PATRIMONIAL

Begoña Garrido Labrador é licenciada en Historia e mestra en Xestión Patrimonial, cun percorrido de máis de 15 anos dedicándose á educación e difusión do patrimonio galego. Ademais, é socia fundadora de Xeitura Xestión do Patrimonio

Begoña Garrido, socia fundadora de Xeitura
Begoña Garrido, socia fundadora de Xeitura

Defínese coma unha persoa “polivalente”, e considera que a súa profesión é a arqueoloxía. Especializada en educación patrimonial, traballa principalmente con cativos “intentando trasmitirlles a a historia, o patrimonio e a cultura cas ferramentas indicadas”. Ademais, é profesora invitada de disintas áreas e diferentes institucións.

O seu traballo de divulgación faino na empresa da que é socia fundadora, Xeitura Xestión do Patrimonio, que comezou a súa andaina en 2012. Este ano, converteuse na primeira empresa privada de toda Galicia, e a única da provincia, en recibir a categoría de Turismo Científico, un recoñecemento a nivel nacional pola súa labor científica.

Este recoñecemento constata que as visitas e actividades realizadas teñen rigor histórico e científico, e segundo explica Begoña, as súas propostas van dende visitas dramatizadas de forma dinámica e divertida, actividades de dinamización patrimonial cos xacementos arqueolóxicos e andainas, entre outras.

A Universidade de Vigo recoñeceu o seu traballo coo nomeamento ó Premio Alumni. “Ser finalista pareceume incrible, é un recoñecemento que agradecín moito”, alegrouse Begoña, explicando que “na área de historia parece que só podes dar clases, pero que se recoñezan que existen outros perfís profesionais con igual valor, é moi importante”.

A divulgadora continuou explicando que “moitas veces, ós que traballamos en educación patrimonial, pensan que somos monitores. Somos mediadores culturais ou educadores patrimoniais, non quedamos na parte lúdica”. “Levamos unha traxectoria detrás de formación que acreditan os nosos coñecementos. Empregamos ferramentas moi semellantes, pero non é o mesmo”, aclarou.

“Eu orienteime cara ós os nenos porque considero que é fundamental transmitirlles o valor do patrimonio que temos, ou acabará desaparecendo”, confesou Begoña, e insistiu en que “os nenos pequenos son libros abertos preparados para recibir coñecementos”.

Respecto ós prexuízos que sofren as carreiras de humanidades, contou que “ós de historia sempre nos dixeron: ou profesor ou arqueólogo”, e aclarou, “o que estude, que o faga porque lles gusta, non porque teña saídas, xa que así vaste esforzar en atopar o teu sitio”. “Seguramente non poidas atopar un traballo ó lado da casa, cas características que ti queres, pero hoxe en día podes crealo ti”.

Begoña explica que en Xeitura sempre “estamos buscando ferramentas que podemos aproveitar de tódolos ámbitos, porque ó final estamos traballando con persoas, que son cambiantes, e polo tanto nós temos que saber adaptarnos”. “Ó traballar con nenos, aínda máis”, apunta, “xa que cada un medra ó seu ritmo”. “Isto é moito máis difícil, pero é no que radica ser un bo divulgador”.

Contenido patrocinado

stats