Ánimo e adiante, Paco!
CRÓNICA
Ata a bandeira estaba onte o salón de plenos de Allariz para despedir a Francisco García. O veterano político nacionalista dixo adeus a 18 anos á fronte do municipio, sendo responsable directo da súa transformación.
Aplausos e aclamacións encheron onte os silencios que, obrigados pola emoción, tivo que realizar Francisco García na súa última intervención como alcalde de Allariz. Ninguén faltou á cita na casa consistorial, que volveu ser tomada como outrora para acompañar ao que foi o faro de luz nestes 18 anos de transformación alaricana.
A emoción palpouse desde o momento no que puxo o pé no salón, onde estaba a súa familia, compañeiros como Alfredo Suárez Canal e Anxo Quintana, quen liderou con el a revolución do verán do 1989, e novas promesas como Noa Presas, así como amigos e veciños, moitos dos cales nunca asistiran a un pleno, pero que non quixeron perderse a despedida do seu alcalde. Honestidade, honradez, boa persoa e traballador foron algúns dos cualificativos que os asistentes lle dedicaron nos minutos antes á sesión.
No seu escrito de renuncia, con referencias a Marcial Suárez ou Uxío Novoneyra, o veterano nacionalista insistiu en que "a política merece a pena" e aludiu ao orgullo local que fixo posible que Allariz sexa un referente para Galicia. García, que en varias ocasións sinalou que seguirá traballando polo seu pobo, subliñou a súa satisfacción e confianza plena porque o municipio queda en mans dunha muller loitadora, traballadora e con gran capacidade de liderado como é Cristina Cid.
"Non che caiba dúbida de que vas ser unha gran alcaldesa", díxolle á que foi o seu tenente de alcalde e a quen sorprendeu obsequiándoa cunha carteira de coiro made in Allariz e a camisa de gala dos "homes do sedeño", seguindo unha tradición local entre os presidentes da Corporación. Non se esqueceu no seu discurso do seu outro bastión, o incansable e voluntarioso Bernardo Varela, con quen se fundiu nun sentido abrazo nada máis finalizar a sesión.
Facendo gala do seu sentido do humor, e para afastarse tamén da emoción, García bromeou coa dobre marcha na vila neste 2018, a súa e a de o párroco don José, e, seguindo os ditados do secretario municipal, deu conta da súa renuncia "pero sen votar, non vaia a ser...".
Antes de que Cristina Cid dese por concluída a sesión, desde a oposición tanto Luz Doporto (PP) como Zaida Rodríguez (PSOE) agradeceron a dedicación e entrega do nacionalista e desexáronlle boa sorte nesta nova etapa. Ánimo e adiante, Paco!
Contenido patrocinado
También te puede interesar
QUEN CHO DIXO
¿Sabe usted que la Navidad ya llegó a Allariz?
SAN VITORIO DA MEZQUITA
Alertan de un fuego intenso en una casa de Celeiros, Allariz
FLUIDEZ DO TRÁFICO
Allariz delega na Garda Civil de Tráfico dende esta semana
Lo último
TEMPERATURAS MÍNIMAS
Galería | El primer día del invierno cubre de nieve y hielo la provincia de Ourense