O derradeiro aplauso a Xosé Manuel Piñeiro

FUNERAL MULTITUDINARIO

Centos de persoas achegáronse onte a despedir a Xosé Manuel Piñeiro, o fillo do ferreiro de Vilaboa, na Igrexa de Santiago de Allariz. Un adeus agradecido por todos os que tiveron a sorte de desfrutar do seu enxeño.

Xente á porta da Igrexa de Santiago á entrada da misa por Xosé Manuel Piñeiro | Foto: Miguel Ángel
Xente á porta da Igrexa de Santiago á entrada da misa por Xosé Manuel Piñeiro | Foto: Miguel Ángel

Allariz saíu onte ás rúas para despedir ao seu célebre veciño, o querido Xosé Manuel Piñeiro, e reiteramos o de querido porque foi o que se sentiu durante toda a tarde, desde o tanatorio ata o funeral, moito cariño por Piñeiro. No tanatorio de Allariz, unha hora antes de que partise a procesión fúnebre xa había decenas de persoas pasando a darlle o derradeiro adeus a unha das máis sobranceiras figuras televisivas da historia de Galicia.

Centos de persoas despediron a Xosé Manuel Piñeiro en Allariz.
Centos de persoas despediron a Xosé Manuel Piñeiro en Allariz.

A gran cantidade de flores, brancas e vermellas, e as firmas do libro volvían deixar constancia do querer por Piñeiro. Logo chegou Rosiña, a nai, acompañada pola familia e que recibiu, moi sentida, as palabras que lle regalaban os asistentes.

Entre estes estaban compañeiros seus, como Alexandre “O Piraña” Sinde ou músicos coma Xil Ríos, pero tamén veciños e coñecidos da zona así como alumnos seus e xente que, a pesar de non coñecelo persoalmente, o sentían coma un ser querido por todas as horas que os acompañou ó longo da súa andaina polo entretemento na radio, na prensa, con decenas de artigos en La Región e Atlántico, e na televisión.

No falar da xente escoitábanse anécdotas e historias, que deseguido eran acompañadas por algún sorriso ó lembrar recordos tan agradables. “É historia da televisión”, era o comentario máis escoitado mentres remataban de falar. Sen lugar a dúbidas, Piñeiro deixou a todos un agasallo sen prezo, unha pegada imborrable na memoria colectiva.

As rúas de pedra da vila alaricana acolleron os centos que se foron achegando e se uniron á procesión antes da entrada ao tempo. A igrexa estaba chea, galiñeiro incluído, o que fixo que moita xente quedase nas portas, rodeando o edificio mentres dentro se celebraba a misa.

As palabras da sobriña

Os que estiveron dentro tiveron a sorte de escoitar as palabras que Lucía, a sobriña, lle adicou ao finado. Nelas aseguraba que estes días sentiu a calor e o cariño da xente, tanto polas redes sociais como polos medios. Rememorou os primeiros programas do Supermartes, que ela era moi nova para ver, pero que moitos ourensáns lembran con agarimo.

Despois das palabras, que saían entre bágoas, da sobriña de Piñeiro, produciuse un sentido aplauso que deu pé á despedida du grande de Allariz, que nunca será esquecido nin na súa vila nin en Galicia.

Contenido patrocinado

stats