Luis Javier González Seguín: "Gustaríame que en Xunqueira me visen coma un veciño máis”

O canónigo da Catedral de Ourense estréase como párroco en Xunqueira de Ambía

Luis Javier González Seguín, no Seminario Menor de Ourense este mércores. (José Paz)
Luis Javier González Seguín, no Seminario Menor de Ourense este mércores. (José Paz)

Luis Javier González, canónigo da Catedral de Ourense, director espiritual do Seminario Menor, delegado episcopal de Vocacións e mestre de Relixión; dá o relevo aos pais salesianos na Comarca de Allariz - Maceda -polo momento e despois de 20 anos, siguen colaborando co sacerdote para oficiar as eucaristías dominicais- estreándose como párroco en Xunqueira de Ambía e tamén en A Graña, Abeleda, Armariz, Ponteambía e San Pedro de Ribeira. Luis Javier González foi párroco durante 13 anos en Castro de Laza.

Xa oficiou as súas primeiras eucaristías en Xunqueira pero, de que xeito afronta esta nova etapa?

Con moitísima ilusión e ganas de que a figura do sacerdote sexa cercana ao pobo. O meu obxectivo é, mediante actos e presenzas sinxelas, acercar a xente á igrexa e a Deus. Agora estou nunha fase de coñecer aos veciños e as súas circunstancias.

Como se atopa a comunidade relixiosa de Xunqueira? Hai actividade?

Atopei xente moi colaboradora, persoas que, dende o primeiro momento, puxéronse a disposición das necesidades da parroquia. É verdade que se bota un pouco en falta a presenza de xente máis xoven e de nenos. A campaña de Catequese está un pouco á expectativa.

Un dos seus primeiros desafíos será entón integrar a xente máis nova na comunidade relixiosa?

Efectivamente. Como nos anima o Papa Francisco, saír a esas periferias existenciais, é dicir, ao encontro da xente que é crente pero que, ao mellor, está máis alonxada da igrexa. Quero que vexan ao sacerdote coma un veciño máis: ser un confidente e alguén ao que acudir na búsqueda dun consello. Por suposto sempre coa responsabilidade de ser sacerdote, confesor e pastor.

Antes eran os fieis os que acudían á igrexa, os cambios na sociedade están motivando que agora sexa a igrexa a que teña que sair ao encontro dos fieis?

Claro, efectivamente. Non estamos no momento de acomodarnos, senon de erguernos e de poñernos en camiño. Por eso é fundamental que os fieis descubran trala figura do sacerdote a unha persoa cercana, afable, normal e na que poder confiar.

OURENSE 6/10/2021.- luis González, párroco en Xunqueira. José Paz
OURENSE 6/10/2021.- luis González, párroco en Xunqueira. José Paz

Xa iniciou ese camiño?

Cando vin que había poucos nenos me puxen en contacto co director do colexio, Javier, que é fantástico. Tamén visitei a vivenda comunitaria. É ao que me refiro con esas presenzas sinxelas, pero que van deixando a pegada de Deus.

De que xeito a igrexa se podería facer atractiva para os máis novos? Cal é a súa proposta?

Gustaríame ofrecer unha Catequese cercana e atraínte e que os nenos se sintan protagonistas da eucaristía. Tamén facer convivencias de tipo lúdico-relixiosas.

No rural, o párroco continúa tendo un papel fundamental na comunidade?

Os curas chegamos a onde xa non o fan outros. Hai escolas que pecharon e tamén centros médicos. Nós seguimos estando presentes ata nos pobos máis pequenos aos que ninguén vai. Seguimos animando socialmente e a través da fe.

É importante a fe para recuperar os valores humanos?

Sen dúbida. Canto máis nos afastamos de Cristo, máis nos distanciamos entre nós e perdemos os valores do evanxeo.

Contenido patrocinado

stats