Óscar Doviso: "O festival RiR é un evento para evadirse”

Óscar Doviso lidera a un equipo de 12 persoas que o vindeiro mes de setembro -do 8 ao 11- dará luz ao RiR, o festival de comedia de Allariz. Nesta ocasión serán 43 curtas -23 de ficción, 11 de animación e 9 de documental e mockumentary- as que competirán en concurso. Aínda que por mor da pandemia este evento non se vivirá nas rúas do mesmo xeito que nas súas dúas primeiras edicións, a organización logrou mantelo o pasado ano e neste completarase con obradoiros, mesas redondas, actividades para os nenos e a gravación dun podcast.

2021081619335748396
2021081619335748396

Logo de manter, no primeiro ano de pandemia, este evento, ¿nesta ocasión as gañas están renovadas?

As gañas están renovadas aínda que mantemos o mesmo formato que o ano pasado. Tanto na primeira coma na segunda edición sacamos moitas actividades á rúa. O ano pasado e este repregámonos un pouco pola incertidume de que, chegado o día, non puideramos levar a cabo o programado. Non queriamos correr ese risco. Por iso, decidimos volver a un formato reducido de máis proxeccións onde todo estivese máis controlado. ¿Con ganas? Dende logo, e tamén de volver ao formato que tiñamos antes.

Este ano pasan de cinco a catro días, ¿por que?

Antes celebrábase de mércores a domingo e a gala de clausura a tiñamos o sábado á noite. Aínda que os domingos contabamos con moita xente, parecía coma un epílogo do festival onde non estaba nin o xurado, nin o premiado... Decidimos adiantar a gala ás 20,00 horas para que, cando remate e se a situación o permite, pois poder ter unha charla de despedida. Parécenos mellor broche para o evento o sábado.

Como foi organizar esta cuarta edición nun ano tamén complexo?

Ao ter a experiencia do ano pasado, pois un pouco era repetir o que viñamos facendo xa. Foi sinxelo.

Logo de atravesar unha pandemia, ¿de que saúde goza agora mesmo o festival?

Hai emocións encontradas. Na primeira edición a xente respondeu xenial e a segunda superou con creces a primeira. Víamos unha progresión espectacular. Na terceira agardábamos superar todo isto e chegou a pandemia e impediunos realizar todas as actividades que tiñamos en mente. A asistencia máis ou menos mantívose, pero nós, que viñamos dunha boa progresión, pois precisábamos seguir medrando dado que estábamos ao inicio. Sen embargo, visto con perspectiva, outros festivais deixaron de facerse e nós puidemos seguir adiante.

Que ten de especial o RiR?

Que é un festival temático de comedia, que é algo que lle gusta a todo o mundo. Non escoitarás a ninguén decir que non lle gusta rir, a todo o mundo lle gusta pasalo ben. Aquí na vila a xente me para para darme as grazas porque o RiR é un evento para evadirse totalmente. Non buscamos un crecemento desorbitado. Preferimos ir cada ano poñendo un peldaño, pero que o anterior estea ben asentado.

Que destacaría desta cuarta edición?

O que ten de especial é que nos abrimos a actividades que antes non había: temos unha mesa redonda, un podcast… Vanse retransmitir estas dúas actividades ao igual que a gala de clausura en tempo real.

O obxectivo é que sexa máis participativo?

Eso está no ADN do festival dende que naceu. De feito, fastidianos moito non poder facer ese parón no medio das proxeccións para que a xente baixe ao recibidor, tome un café e charle. Perdemos un pouco esa convivencia, pero contamos con recuperala. Queremos que a xente que veña se sinta como na casa.

O RiR é xa un festival consolidado?

É algo que cada vez é máis complicado. Había festivais que levaban dúas décadas consolidados e se foron “ó tacho”. Hoxe en día ata a empresa máis “top” pode desaparecer un día. Para nós estar consolidados é ter un acordo coa Deputación e co Concello que nos permite saber que, durante “x” anos, polo menos, teremos o seu apoio. Non pretendemos ser o festival máis grande de Galicia ou de España, e eso nos fai enormemente libres.

É un festival gratuíto para o público, ¿non é dificil soster isto?

Facemos encaixe de bolillos, pero pensamos que é a mellor fórmula para que sexa asequible para a xente. Non nos podemos permitir grandes actividades, porque é un festival sostible. Pero tamén sabemos que se nun futuro cae algún financiamento podemos seguir.

Contenido patrocinado

stats