Roberto Freire Ramos: "A posventa é o prato forte do comercio local, internet é difícil"

Roberto Freire é o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Maceda dende hai dous anos. Logo dun periodo complicado marcado pola pandemia, Freire márcase como obxectivo recuperar os encontros entre os asociados -actualmente hai 62- e cos políticos locais para perfilar ideas e iniciativas que contribúan a reactivar a economía local. Por enriba da mesa está a posibilidade de instaurar un bono-tarxeta que premie a fidelidade ou a recuperación de campañas propias de diferentes épocas do ano.

Roberto Freire, presidente da Asociación de comerciantes de Maceda. José Paz
Roberto Freire, presidente da Asociación de comerciantes de Maceda. José Paz

Fixeron unha campaña para atraer socios recentemente, deu resultado?

Si, hai novos socios. Houbo un periodo hai tempo no que a asociación non tiña tanta actividade e algúns déronse de baixa. Actualmente non pasamos cuotas debido á situación que atravesamos, pero próximamente imos a ter unha reunión e a recuperar a actividade. O técnico de emprego do Concello apoianos moito. É certo que agora estamos un pouco á expectativa á hora de facer algún evento polo risco que poida haber por mor do covid.

Ademais da posibilidade de activar un bono - tarxeta, sobre que outras liñas queren volver ao traballo?

Queremos pautar as datas sinaladas e concentrar aí as iniciativas e eventos. Precisamos tamén apoio institucional e penso que sería interesante retomar as mesas redondas co alcalde e co resto dos partidos políticos que levamos a cabo anteriormente. Aí xurdiron moitas ideas. Para Semana Santa, verán e datas sinaladas agardamos reactivar as campañas. Este ano, por cuestión de tempo, non participamos na de Nadal.

Como está o sector comercio en Maceda logo da pandemia?

Hai unha situación crónica, herdada e cunha tendencia clara. Non podemos negalo. Hai un despoboamento no rural que nos afecta. A pandemia agravou isto e agora temos incertidume. Si hai pequenas iniciativas e Internet é un campo a explorar para o pequeno comercio.

Que grao de exploración hai neste senso en Maceda?

Penso que pouco, pero e que é Internet non é doado. Compites con moita xente. Hai que recordar que a posventa é o prato forte noso. Se un cliente ten un problema, o arranxas no momento ou senón ao día seguinte. É un plus que un gran superficie comercial moitas veces non che da.

Cal é o potencial do comercio de Maceda?

A cercanía é moi importante no comercio. O contacto humaniza e fainos mellores persoas. Aquí temos todos os servizos e estamos ubicados a 20 minutos de Ourense. Aínda que o comercio en Maceda foi a menos continuamos tendo de todo: restaurantes, cafeterías, pequeno comercio, abríronse novas tendas de roupa…

Os alcaldes de Maceda, Vilar de Barrio e Baños de Molgas abogan por recuperar as sinerxias entre os tres concellos, sería interesante facelo a nivel comercio?

Penso que é capital. Os pobos cada vez teñen menos xente e loitamos contra un xigante. A globalización está aí e é coma un rodillo que pasa. A única maneira de sobrevivir é xuntarse en núcleos máis grandes. Eu xa lancei esta idea na asociación de xuntarnos con outros comercios doutros municipios. Hai que xuntarse a nivel supramunicipal para facer campañas e promocións.

Contenido patrocinado

stats