Allariz convida á súa “XXIX Feira do Outono”

PRODUTO LOCAL

Os días 8 e 9 de novembro celebrarán esta homenaxe á gastronomía

María López e Cristina Cid.
María López e Cristina Cid. | LR

A vila alaricana volve celebrar os vindeiros 8 e 9 de novembro a XXIX Feira de Outono, unha das súas citas senlleiras do calendario outonal. Dende as 10,30 ata as 20,00 horas de ámbolos días, o evento propón ao público cociña en vivo, venda de produtos locais e de tempada, degustacións, saídas micolóxicas e obradoiros infantís.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, destacou que a Feira de Outono “representa o mellor do noso territorio: o respecto pola natureza, o valor do produto de tempada e a cooperación entre veciñanza e sector produtivo”.

Castañas, mel, hortalizas e repostería artesanal son algúns dos produtos que os asistentes poderán encontrar na feira, que busca poñer en valor o traballo dos produtores e artesáns da comarca. A parte gastronómica tamén incluirá demostracións culinarias, comezando o sábado ás 12,00 horas coa “Cociña de Outono” de Alex Cabanas e o domingo será a quenda de Daniel Pozo. Ámbolos cociñeiros elaborarán receitas “inspiradas nos sabores propios desta estación”.

A concelleira de Promoción Económica, María López, subliñou que “o produto de tempada é sinónimo de calidade, sostibilidade e identidade. Esta feira é un escaparate do bo facer das nosas produtoras e produtores, e un impulso para o comercio e a restauración de Allariz”.

O programa inclúe saídas micolóxicas co experto José Gómez Bragaña, do Centro de investigación forestal de Lourizán, e obradoiros infantís: un de creación con flores secas e outro de iniciación á cociña, ambos con inscrición previa.

O sábado ás 20,00 horas, e o domingo ás 14,00 e as 19,30 horas haberá os sorteos dos “Premios de Outono”, cunha selección de cestas outonais como agasallos.

Contenido patrocinado

stats