XESTIÓN DO TERRITORIO
A Casa Vella de Amiadoso, en Allariz, une cultura e ecoloxía para protexer o agro
XESTIÓN DO TERRITORIO
A Casa Vella vén de celebrar a primeira edición de “A Malla”, unhas xornadas dedicadas á reflexión sobre a historia, os conflitos e o futuro do monte galego. Situado en Amiadoso, no Concello de Allariz, o centro de creación artística concibe o evento como un lugar de encontro, tomando como referencia a tradicional malla do cereal para analizar a relación entre cultura rural, territorio e ecoloxía desde a cooperación.
Rubén Vilanova, xunto con Nuria Sotelo, impulsan o proxecto cultural alaricano. Vilanova analiza o desenvolvemento do encontro destacando a capacidade para rachar cos estigmas que limitan o desenvolvemento do agro. “A miña xeración e a anterior educáronse pensando que o rural non era un lugar para o futuro”, sinala Vilanova, quen aposta por utilizar a cultura para xerar novas posibilidades e “crear relatos que demostren que o monte non só é rendible, senón un modelo sostible de vida”.
A programación sumou un bloque sobre transformacións históricas mediante un relatorio de Xesús Balboa, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, xunto coa análise de modelos actuais a cargo do docente en Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Vigo, Juan Picos, e do presidente da Asociación A Monte, Francisco Pedras.
O programa permitiu coñecer de preto proxectos singulares na xestión do territorio. A mesa redonda sobre modelos de gobernanza colectiva abordou a explotación sostible mediante os casos da Comunidade de Montes de Baroña, explicada por Ovidio Queiruga, e a Comunidade de Montes de Cualedro, coa presenza de Delfín Paz. Amais, as sesións contaron coa exposición do Proxecto A Panda da Dá, detallado por Yolanda Magdalena en representación da empresa forestal Finsa.
O evento reuniu a expertos universitarios, técnicos e comunidades xunto con artistas e xestores culturais para pór de relevo os principais problemas actuais como o despoboamento ou o monocultivo, ao tempo que serviu para dar a coñecer iniciativas transformadoras. O obxectivo final pasa por mudar a autopercepción da sociedade e ofrecer novos horizontes a través do traballo de base.
As propostas desenvolvidas amosan como o encontro da cultura cos recursos naturais permite que xurdan alternativas viables. “Necesitamos máis xente motivada que desexe mudar a inercia actual, e encontros como A Malla buscan xustamente tecer redes, conectar experiencias e dar voz a todos os que queren vivir e traballar aquí, pero precisan novos modelos”, subliña Vilanova, cunha visión esperanzadora de que resulta posible construír un futuro se a cidadanía coñece e valora a contorna.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
XESTIÓN DO TERRITORIO
A Casa Vella de Amiadoso, en Allariz, une cultura e ecoloxía para protexer o agro
PRODUTOS APÍCOLAS
Allariz adozou o padal coa mel dos montes de Galicia
Lo último