MÁIS DE 128.000 EUROS
Os viais de Fuxón e O Arnado en Allariz estrearán firme
PRODUTOS APÍCOLAS
A IX Feira dos produtos apícolas de Allariz regresou este sábado á emblemática Praza do Matadoiro, converténdose nunha gran festa de exaltación do mel de Ourense. A proposta demostrou, unha edición máis, o enorme tirón que ten este produto estrela, atraendo a unha multitude de visitantes locais e turistas que non quixeron deixar pasar a oportunidade de degustar e mercar as diferentes e ricas propostas da nosa terra.
Ao longo da xornada, a feira evidenciou que o mel é un dos manxares máis valorados polo gran público. A actividade comezou ás 10,00 horas coa apertura dos postos dos produtores apícolas e continuou cun programa ininterrompido de obradoiros como o ‘Tres en raia apícola’, charlas-degustación de queixo e mel e espectáculos familiares. Con todo, os expositores de venda foron o auténtico epicentro do día. Afonso Basalo, un dos produtores presentes co seu posto da zona, confirmaba o bo ambiente matinal, aínda que con certa cautela inicial sobre as vendas: “Hai xente, ben, tranquila de momento”. Sobre o comportamento dos asistentes, o apicultor engadía que “moita xente vén, pregunta, interésase, pero logo ao final, ao haber tantos postos, pois hai indecisión”.
O interese pola calidade do produto local foi unha constante innegable. Natalia, unha veciña de Ourense que acode fielmente todos os anos á cita para encher a despensa, destacaba a excelencia do sector en Galicia. Tras probar unha das novas colleitas dos apicultores, asegurou sen dúbidas que “o produto é bo, sexa de aquí de Allariz ou sexa de outro sitio, é bo. Temos unha mel moi boa en Galicia”.
Pero o atractivo do mel ourensán traspasa fronteiras, conquistando paladares foráneos. É o caso de Sara e Pritti, dúas amigas chegadas desde Barcelona que visitaban a vila e aproveitaron para deleitarse co mel local. Tras a proba, Pritti confirmaba o seu desexo de levar un tarro para a casa, abrumada pola oferta: “Estoy muy indecisa, pero sí quiero llevarme”. Unha situación similar viviu Mari Carmen, de ascendencia alaricana pero residente nas illas Canarias. Malia quedar prendada da feira, as restricións da equipaxe frearon as súas compras: “De momento no compro nada por la cuestión de llevar los kilos en la maleta, pero me encanta lo que es la miel”.
A novena edición desta cita, impulsada polo Concello co obxectivo de concienciar á poboación sobre a vital importancia das abellas no noso ecosistema, serviu para consolidar o firme apoio institucional ao sector primario. A xornada pechouse deixando un excelente sabor de boca entre todos os asistentes que este sábado ateigaron a vila alaricana.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MÁIS DE 128.000 EUROS
Os viais de Fuxón e O Arnado en Allariz estrearán firme
FIN DE LA PROMOCIÓN
“Merca no teu comercio” cerró campaña en Allariz
Lo último
ACCIDENTE DE TRÁFICO
Un herido al salirse de la vía en la OU-533 a su paso por Viana do Bolo
CAMPANA EXTRACTORA
Trasladado al CHUO tras inhalar el humo de un incendio en avenida de Zamora
ELECCIONES PRESIDENCIALES
Iliana Yotova se convierte en la primera mujer elegida presidenta de Bulgaria
Benito Iglesias
¡El brutal coste de la incompetencia!