MI PLAN PERFECTO
Aquel día a bordo da lanchiña en Allariz
MI PLAN PERFECTO
O meu día de verao ideal xa foi. Por iso vou falar del. Sucedeu en Allariz, hai delo moitos anos, cando naveguei por primeira vez na miña vida. Verei de explicar como agora aboian ese día e máis esa razón que nun principio non deixará de resultar algo peregrina ou moi peregrina e algo forzada.
Ó longo da miña vida, e non unha nin dúas, nin tres veces, ténseme formulado a pregunta de como, sendo da Ziralla, se me ocorreu a min ser mariño. Nunca tiven unha resposta que non fose que a razón debeu estar baseada no feito de que o meu avó materno era o organizador dos combates navais que se celebraban nas voltas que o Arnoia da no Arnado alaricano. Non vin ningún, por iso a resposta nunca me convenceu nin ó “preguntante” nen sequera a min, pero servía pra que este non continuase preguntando a tal respecto.
Hai anos, no xornal da capital galega no que escribín miles de artigos e non mos pagaron todos, ilustraron un deles coa mesma fotografía que espero acompañe a este escrito. No artigo tratábase do pracer de se bañar no Arnado e de como a primeira vez que o fixen fun nadando dende a pena dos namorados (hoxe oculta por ser base da pontella que cruza o río, logo da ponte de Vilaboa) ata a que fora finca do meu avó. Ó chegar a ela saín da auga e pisei por vez primeira, logo da morte deste meu avó paterno, a finca que fora súa.
Non recordo se no artigo describía a finca coa precisión debida, pero imaxínese o meu susto cando vín a fotografía de Rosa Veiga ilustrándoo. O lector vaino entender de contado. Ese embarcadoiro e maila lanchiña que se amarraba á balaustrada eran xustamente os que eu describía no artigo. Escuso dicirlles a conmoción que me supuxo e a conseguinte petición que fixen. Agora teño a foto no meu estudio, debidamente enmarcada. Cando teño un ataque de señardade ou de melancolía podo contemplala e recordar, precisamente, o día de verao ideal que vivín a primeira vez que naveguei e o feito de que, a partires de hoxe, que está sendo o día no que caín na conta, de que na lanchiña que aparece amarrada á balaustrada naveguei por primeira vez eu sendo aínda ben neno.
Sucedeu nun día de verán. Miñas curmáns, fillas do meu tío Pepe, algo maiores ca min, leváronme con elas a bordo da lanchiña. Estouno a vivir de novo. Pasamos por embaixo da ponte de Vilanova e seguimos navegando ata a Acea Rica. Alí se bañaron elas. Non recordo que botasen un rizón a auga, o río estaba calmo e a auga repousada. Facían pé nunha laxe que estaba xusto a carón da lanchiña, a pouca profundidade. Recórdoa porque a auga estaba transparente e porque eu pedín poder bañarme tamén argumentando que non sairía de enriba da laxe. Eu tiña que ser moi pequeno porque aínda non sabía nadar e aprendín pronto a facelo. Pero fun feliz malia que non me bañase no Arnoia.
As miñas dúas primas morreron non hai moito. Recórdoas vogando rio arriba e vogando río abaixo na mañá soleada de debe haber algo máis de setenta anos. Regresamos ó embarcadoiro e pola tardiña volveron levarme con elas. Nesta ocasión logo de ter apañado saltóns. A cada pouco metiamos a man na bolsa na que foran metidos, colliamos un e o tirabamos a auga. A tona da auga estaba como un espello e elas non remaban deixando que a pouca corrente do río nos fora levando de novo á finca de Vilanova mentres lanzabamos os saltóns. Algúns non chegaban a rozar a auga, de repente, xurdía unha troita que o collía ó voo e o papaba nun instante que me resultaba subxugante. Foi un dos días da miña nenez que recordo máis felices.
Miñas curmáns, pasado o tempo, casaron con dous oficiais da Armada Española, da Mariña de Guerra, se prefiren que o exprese así. Eu fíxenme mariño civil e, ó día de hoxe, moito é o que lamento non ter navegado durante máis tempo do que o fixen. Nunca se me ocorrera pensar que a navegación fluvial que acabo de lembrar puidera gardar a causa de miña afección a arte de navegar, esa que agora cos GPS e outros inventos eliminaron a aventura e reduciron o risco de cruzar o mar. Esa miña primeira navegación si puido ser a causa do meu primeiro oficio. Non o sei, pero si foi a causa dun feliz día de verao e o seu recordo fará sorrir ás miñas curmáns alá onde estean agardando por min pra outra navegación como a daquel día. O embarcadoiro xa non existe, a ponte que fixera o noso tío Raúl tampouco. Agora un camiño fai de ribeira do Arnoia e a xente pasea feliz por el. Espero que se lanzan saltóns ó río, sigan xurdindo troitas dende o fondo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MI PLAN PERFECTO
Aquel día a bordo da lanchiña en Allariz
Gastronomía e cultura
Allariz programa máis de trinta citas para este verán
Itinerario internacional
A Unión Musical de Allariz xira por Italia
Lo último