Inés Rodríguez, artesá: “A xente nova valora máis os produtos feitos a man”

ARTESANÍA

RiR&CO é unha marca de artesanía téxtil cunha tenda-estudo no casco vello alaricano. O seu emprego de materiais naturais e a aposta pola innovación e a sostibilidade levárona a ser finalista nos Premios do Comercio Galegos 2025.

Inés Rodríguez na súa tenda-estudo no casco vello de Allariz.
Inés Rodríguez na súa tenda-estudo no casco vello de Allariz. | B.L.

O vindeiro 1 de decembro a tenda-estudo de artesanía RiR&Co de Allariz cumprirá 8 anos, pero o camiño comezou antes. Inés Rodríguez, a artesá e deseñadora téxtil detrás da marca, explicou que esta andaina arrincou “nun momento vital no que collín unha excedencia do meu posto na administración e retomei cousas que me gustaban, como a artesanía e o traballo téxtil que xa tiña como hobbies”, ata que lle chegou a oportunidade que cambiou o seu camiño: que unha peza súa aparecese na Madrid Fashion Week, tan só un ano despois de comezar a formación. Ese abrigo “fíxome pensar que isto podía saír ao mercado”. Nos seguintes anos, Inés conta como o “negocio foi mudando”, ata que Cáritas -quen tamén resultou finalista nos Premios Comercio Sostible de 2025 coa empresa Arroupa-, preparou un proxecto relacionado co téxtil “e chamáronme para impartir o curso, facéndome saír un pouco do meu entorno e amosar o meu traballo”.

Oito anos despois, nos estantes da tenda non só hai produto téxtil, senón outras pezas de artesanía como cerámica, ilustracións, xoias ou xabóns. “O nome RiR&Co vén de que comezamos colaborando con outros deseñadores ou artesáns que quería empregar os nosos tecidos, polo que non tíñamos un produto propio”, contou Inés, explicando que ao principio na tenda “só vendíamos os nosos primeiros produtos, o que pasa é que o téxtil é lento”, polo que sumaron outros produtos que “fosen acorde cos valores da tenda” para suplir a demanda dos potenciais clientes.

Estes valores recóllense nun marco do que “non nos saímos, xa que é o que identifica ao taller e o fai honesto”, apuntou Inés. Unha aposta pola economía circular e o produto de proximidade, materiais naturais e sostibles e un proceso artesanal que resulte nun produto “ben feito” crean os mandamentos aos que se acolle a deseñadora. “É importante manter a calidade por encima dos tempos, unha das cousas polas que sempre loitamos os artesáns”, apuntou Inés, “leva tempo que as pezas cheguen aos estándares de calidade que a xente valora cando compra un produto artesán”.

Ademais, a artesá aposta por que as súas pezas sexan “dos nosos tempos”. A moita xente nova -e non tan nova- gústalle os produtos artesanais “pero que teñan unha estética moderna”. “No noso estudo empregamos materiais naturais, e a poucas veces que empregamos sintéticos, que sexan biodegradables e non danen o medio ambiente”, aclarou Inés.

RiR&Co resultou finalista na categoría de Comercio Sostible dos Premios do Comercio Galego pola súa aposta por estes produtores e provedores con certificado de sostibilidade e materiais procedentes do medio rural, entre os que se atopa a súa coñecida fibra de proteína ou a lá merina de transhumancia. Un dos seus produtos máis recoñecidos é a manta para bebés de fibra de proteína, que ten recibido diferentes recoñecementos a nivel nacional e autonómico. “Buscamos ofrecer aos clientes produtos diferentes que ademais de ser artesanais conten co un deseño moderno e sexan innovadores”.

Entre estes clientes, Inés destacou a xente máis nova, xa que valoran moito “os produtos feitos a man e exclusivos”, entre os que destacan as ilustracións que “van moito coa súa cultura”. Segundo a deseñadora, son compradores aos que, dentro das súas posibilidades, “non lles importa pagar por un produto que teña estes valores dos que falamos”.

Contenido patrocinado

stats