Premio a Xosé Lois “O Carrabouxo” en Allariz por 40 anos facéndonos “RiR”

PRESENTACIÓN DO FESTIVAL

A 8º edición do Festival Internacional de Curtas de Comedia de Allariz arrancará o 30 de agosto e estenderase ata o 6 de setembro

Bernardo Varela, José Freiría, César Fernández, Cristina Cid, Óscar Doviso e Alberto Conde, este xoves na presentación na Praza de Abaixo de Allariz.
Bernardo Varela, José Freiría, César Fernández, Cristina Cid, Óscar Doviso e Alberto Conde, este xoves na presentación na Praza de Abaixo de Allariz. | Miguel Ángel

O debuxante ourensán Xosé Lois González Vázquez, máis coñecido como “O Carrabouxo”, alcume que comparte co protagonista das súas icónicas viñetas dende 1982 e coas que colabora con La Región, será o novo homenaxeado co Premio RiR Contigo.

A distinción, outorgada por unanimidade, porá en valor unha traxectoria de máis de 40 anos ao servizo do humor gráfico, sempre coa súa idiosincrática visión do mundo. Xosé Lois recibirá o premio na gala de clausura do 8º Festival Internacional de Curtas de Comedia de Allariz (RiR) que conducirá a actriz Isabel Risco, e que se celebrará o vindeiro 6 de setembro.

A presentación do RiR tivo lugar este xoves na Praza de Abaixo de Allariz, escenario da escola de Don Gregorio, aquel mestre interpretado polo finado Fernado Fernán Gómez en “A lingua das bolboretas”, a adaptación cinematográfica de José Luis Cuerda dun relato de Manuel Rivas.

Esta ubicación simbólica entronca coa novidosa xornada inaugural do sábado 30 de agosto, que celebrará 25 anos dende que se estreou coa súa proxección, a presentación dun libro e un roteiro polas localizacións do filme na vila da man de Manuel Gallego e José Luis Carneiro.

No resto da programación, o domingo 31 de agosto proxectaranse as seis curtametraxes que coparon o palmarés da edición anterior, preámbulo do inicio da sección oficial, que se estenderá dende o luns 1 ata o venres 5 de setembro. A organización volve apostar por un total de 36 curtametraxes, dividas en catro bloques temáticos, e os espectadores estarán de novo convidados a votar polas súas favoritas.

En todo caso, alén de cinema cómico, o RiR ofrecerá novamente unha variada selección de propostas culturais co humor como fío condutor, tales como espectáculos de teatro, danza e infantil, coloquios, estreas especiais e mesmo un podcast en directo.

Repetir o “modelo 2024”

Óscar Doviso, director e coorganizador do festival xunto con José Freiría, desvelou que a proposta deste ano busca “manter o modelo e a estrutura do 2024, con algún mínimo cambio, xa que tivemos moi boas sensacións coa edición anterior”.

O produtor tamén engadiu que a primeira xornada celebrará “a educación e os valores a través dos filmes”, e que a serie animada do Carrabouxo emitirase “integramente” o último día.

Pola súa banda, o deputado provincial de Cultura, César Fernández, salientou que Allariz é unha das referencias en Ourense a nivel cultural, xa que é unha das vilas que ten unha “aposta clara” por este elemento “dinamizador”.

Finalmente, a alcaldesa Cristina Cid, agradeceu a colaboración da Deputación, e lembrou que eventos cinematográficos coma este “interpelan” ás administracións a apoiar ás industrias culturais. Ademais, subliñou que o festival non só convoca a rir, “senón tamén a facernos pensar de cousas máis complexas a través do humor”.

Contenido patrocinado

stats