Os retos da literatura, a debate en Allariz

ESPAZO DE ENCONTRO

O Festival Literario de Allariz celebra unha nova edición do 3 ao 5 de xullo

O público durante unha das pasadas edicións.
O público durante unha das pasadas edicións. | Miguel Ángel

A vila alaricana volve a converterse na capital literaria da provincia os días 3, 4 e 5 de xullo co Festival Literario de Allariz (Flaz), que desta volta celebra a súa cuarta edición atendendo aos desafíos contemporáneos da literatura, as transformacións dos hábitos lectores e as novas formas de comunicación cultural. O evento está organizado pola lbirería Aira das Letras e o Concello de Allariz, e serve de punto de encontro entre lectores e creadores de todo o territorio nacional como José Ignacio Carnero, Koldo Concejo, Tensi Gesteira Juan Gómez-Bárcena, Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez.

A cita comezará o venres 3 de xullo coa conversa entre José Ignacio Carnero e Juan Gómez-Bárcena, “O peso da verdade na ficción e viceversa”, onde a partir das 19,30 horas os autores falarán sobre as relacións entre historia, memoria, realidade e invención literaria. A xornada do sábado 4 de xullo comezará de mañá, ás 12,30 horas, co encontro “Novas olladas, inquedanzas e temas na literatura actual” por conta de Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez, que atenderán ás preocupacións e perspectivas das novas xeracións de escritoras.

De tarde terá lugar a conversa entre Koldo Concejo e Tensi Gesteira, “A difusión da literatura nas redes: Novas linguaxes e novos obxectivos”, que analizará o papel das redes sociais na promoción da lectura, os novos formatos comunicativos e o cambio na relación entre autores, editores e público. A xornada rematará coa mesa redonda entre todos os convidados, que xirará sobre a relación entre pulsión creativa e expectativa do público.

Feira de Editoras

Ademais das conversas literarias, o domingo, 5 de xullo, celebrarase na praza do Matadoiro a Feira de Editoras, aberta entre as 11,00 e as 21,00 horas. Asemade, ao longo da xornada tamén terá lugar unha lectura continuada de obras de Rafael Dieste para recordar o seu 45.º cabodano.

Con esta programación e logo de catro edicións, o Festival Literario de Allariz busca converterse nun referente cultural do verán galego, reunindo autores de distintas xeracións e sensibilidades, e apostando por un diálogo aberto ao redor da literatura, a tradución, a edición e a lectura.

Contenido patrocinado

stats