Sae á luz “Home”, a novela inédita do autor Antón Risco

TERROR SOCIAL

A Fundación Vicente Risco presentou “Home”, a novela inédita do autor Antón Risco, nas I Xornadas de Literatura Fantástica Actual

O editor Tomás G. Ahola e Antonio Blanco, membro do Padroado da Fundación Vicente Risco.
O editor Tomás G. Ahola e Antonio Blanco, membro do Padroado da Fundación Vicente Risco. | B.L.

A Fundación Vicente Risco vén de celebrar as I Xornadas de Literatura Fantástica Actual en Linguas Ibéricas (Portalen), que dende o venres ata onte reuníu na súa sede a autores e editores para pór encima da mesa a situación deste xénero na sociedade actual. Logo de dous días ateigados de conversas e presentacións, as xornadas pecharon coa presentación dunha novela inédita de Antón Risco na propia casa onde naceu, este ano no que se celebra o centenario do seu nacemento.

Os encargados de presentar a obra foron Tomás G. Ahola, o editor da novela, e Antonio Blanco Rodríguez, o padroeiro da fundación que recibiu o texto da man de Ruco Lezcano (outro membro do padroado) aló por 1996, mecanoescrito e ‘encanutillado’. Titulada “Home”, “non é unha obra de literatura fantástica per se, pero si que ten un compoñente enorme de terror, relacionado co gran medo que vivimos no século XX que foi a Guerra Civil”, aclarou Ahola, apuntando que mesmo considerala unha novela “é controvertido”. “É un exercicio narrativo sen parangón ao ser unha obra sen narrador, baseada únicamente en diálogos coma un libreto dunha obra de teatro, pero sen intervencións ou aclaracións de quen fala”, apunta o editor, destacando que para realizar esta tarefa “cómpre a técnica dun verdadeiro mestre”, pois un ten que descubrir os persoaxes “polo que din e pola forma na que fala cada un”.

A obra está dividida en dúas partes, intentando respostar a unha pregunta clara: o fascista nace ou faise?. “El dalle unha resposta nesta obra”, aclarou Antonio Blanco. O padroeiro contou que cando recibiu o texto “impresionoume, e mesmo me asustou. Gardeino nun caixon ata fai relativamente pouco, cando lle comentei a unha amiga, a directora do grupo de teatro Silvandeiras, que sería bó adaptalo”. Na primeira parte, os amigos do protagonista, Lisardo, “fanlle mil e unha xudiadas nunha noite de Martes de Entroido, situado nos derradeiros anos da segunda república”. A segunda parte conta o final da guerra e os anos posteriores, “nos que Lisardo se converte nun alto cargo da Falanxe e, vingándose terriblemente dos seus amigos, se converte nun home”.

“Na primeira parte está o terror social, un tema moi actual como é o bullying e os abusos ao diferente. Na segunda está o terror absoluto do fascismo”, falou Ahola.

Contenido patrocinado

stats