Sonia Villapol, neurocientífica lucense do Texas Medical Center: "Falar máis de dúas linguas fai o cerebro máis forte"

ENTREVISTA

A sede da Fundación Vicente Risco transformouse nun laboratorio de neurociencia durante a xornada impartida por Sonia Villapol (Lugo, 1977), neurocientífica, investigadora e xefa de laboratorio no Texas Medical Center de Houston (Texas), onde estuda o alzhéimer e os danos cerebrais.

Sonia Villapol na Fundación Vicente Risco.
Sonia Villapol na Fundación Vicente Risco. | FUNDACIÓN VICENTE RISCO

Aproveitando a obra de Risco, a científica fixo unha análise do seu cerebro que serviu de exemplo para dar a coñecer como funciona, un tema no que afondará no seu próximo libro, “Cerebro en Modo On”, que a editorial Galaxia publicará este verán.

Pregunta. Como é o cerebro de Risco?

Respuesta. Nunca lle fixeron ningún estudo de neuroimaxen pero hai algunhas rexións cerebrais que se comportan distinto en persoas con este tipo de creatividade. Dependendo de que actividades, actitudes e gustos, algunhas zonas do cerebro están máis desenroladas que outras. Neste caso, Risco, falaba da identidade galega e sustentábao na lingua, na cultura, na historia, na paisaxe... Dependendo destas inquietudes danse a coñecer accións no hipocampo, responsable da memoria e a emoción; da amígdala, ou da cortiza prefrontal. Non soamente son as zonas do cerebro senón as conexións que fan entre elas. Dependendo destas inquietudes hai máis conexións entre estas, formando diferentes tipos de redes. No libro falo destas zonas, que dependendo da idade funcionan de distinto xeito e vanse modificando en función das inquietudes das persoas, creando novas redes de conexión. A raíz disto intentei descifrar cales serían as de Vicente Risco.

P. Cal é esa rede?

R. Posiblemente sexa a “rede neuronal por defecto”, que se activa coa imaxinación e análise, sendo moi relevante na memoria e na creatividade. Creo que sería a máis sobresaínte en función da súa inquietude pola paisaxe, o territorio, a relixiosidade... Baséase moito no pasado e no sentido de identidade. As persoas que teñen esta rede moi destacada adoitan ter máis sentido da colectividade que deles mesmos, en certa medida. É a rede que sustenta a reflexión sobre un mesmo, que neste caso Risco exporta como concepto de país. (Risco) dedicou moita enerxía mental á cuestión da identidade colectiva, o que lle levou a escribir as súas obras, suxerindo unha amplia integración no córtex prefrontral, que é o que che da a identidade e che permite razoar; ou no hipocampo, onde reside a memoria. Son rexións de alto impacto social e por iso para el Galicia non era só un territorio, senón unha extensión da súa propia identidade.

P. Tes estudos sobre a importancia do biligüísmo na infancia

R. Cando falamos nunha lingua e logo empregamos outra, ese cambio actúa nestas redes de conexión, aumentando a neuroplasticidade . O galego suma, non empregalo é unha pérdida de oportunidades. Cambiar de lingua é como modificar un sensor cerebral, un adestramento. O bilingüismo non confunde, fortalece. Falar máis de dúas linguas fai ao cerebro máis forte e prepárao para aumentar a actividade, favorece a atención, a concentración, a memoria... Se falamos a longo prazo, hai estudos que demostran que protexe contra o alzhéimer. Que os cativos non usen todas as linguas a súa disposición é un erro.

P. Que características socioculturais de Galicia benefician a saúde cerebral?

R. Voltando ao exemplo de Risco, el morreu de cancro de colon. O meu tema de investigación é a microbiota bacteriana, que se hospeda en parte no colon e que comunica co cerebro. Empregámolo para diagnosticar contusións cerebrais dos cativos cando xogan fútbol americano, cando levan un golpe na cabeza no accidente de tráfico... Hai cambios en todo o organismo, incluídas esas bacterias, polo que son fundamentais para coñecer a saúde xeral. En Galicia, pola nosa alimentación e habitos saudables, especialmente o xeito de comer máis tradicional e da terra, fortalece a diversidade bacteriana, o que achega un beneficio cognitivo e axuda ao sistema inmune e á saúde cerebral. Eu creo que isto non se valora o suficiente en Galicia, especialmente nas primeiras etapas dos cativos, na que a alimentación é fundamental e cada vez afastámonos máis dela.

P. Cal é hoxe o gran reto ao que se enfronta a saúde cerebral?

R. No libro adico varias seccións ás pantallas, o perigo que supón tanto tempo diante delas. Mais que nada polo que che fai perder, como o sono ou a interacción social. Isto xa está afectando e xa se ven as consecuencias na infancia. Pero hoxe eu creo que o reto máis importante radica na Intelixencia Artificial e o “bombardeo” de información, que a sociedade adquira mecanismos para identificar as fontes fiables e sepa a quen creer.

P. Crees que hoxe a “rede por defecto” é menos habitual polo exceso de distraccións?

R. Hoxe en día temos a moita xente así, e mesmo na época de Risco, centrada en resolver problemas pola recompensa inmediata. As pantallas manteñen a dopamina alta ao ofrecer unha recompensa inmediata e antes non existía iso. Non había unha amigdala sobreestimulada e a corteza prefrontal funcionaba máis, e de aí veñen as boas ideas e historias. A imaxinación non xorde porque a dopamina está mandando sinais, bloqueándoa. A recompensa inmediata é como unha adicción, que remata afectando no día a día. A contrapartida é non ter eses estímulos, unha situación á que podemos chamar aburrimento, que é cando realmente o cortex comeza a reflexionar.

Contenido patrocinado

stats