Actuacións circenses, música e atraccións no Nadal de Xinzo

Nadal
photo_camera Ramiro Rodríguez, Elvira Lama e Manuel Pérez Campos durante a presentación.
Preto de 30 actividades compoñen o programa que foi presentado este venres no Concello limiao

Xinzo terá este Nadal unha completa programación festiva con actividades variadas e pensadas para todos os públicos, especialmente, para os máis cativos. “A ilusión polo noso” será o lema dun ano no que se desenvolverán preto dunha trintena de iniciativas musicais, espectáculos, e concertos. Ademais, da man de Prolimia e dos traballadores da Praza de Abastos, haberá sorteos e agasallos para premiar a fidelidade dos clientes do comercio local. 

No ámbito da decoración, regresará ao centro da vila -á Praza Maior- o tren do filme Polar Express, as casiñas de Nadal decorarán o casco histórico e o resto das rúas e, neste senso, dende o Concello avanzaron máis sorpresas que se desvelarán ao longo das semanas para manter a ilusión e a maxia. 

TRES BLOQUES

A programación do Nadal limiao presentouse no Salón de Plenos de man da rexedora, Elvira Lama, e dos concelleiros de Cultura e de Promoción económica -Ramiro Rodríguez e Manuel Pérez Campos, respectivamente-. Dividirase en tres bloques diferentes: Música e baile, artes escénicas e maxia, e atraccións para os máis cativos -instalaranse na Praza Carlos Casares dende o día 22 de decembro-. 

As actividades comezarán o vindeiro 10 de decembro, coa presentación dunha nova agrupación xurdida no seo da Banda de Gaitas de Xinzo. O día 17 será a quenda da Fanfarría Achicoria e da Gala de Nadal da Escola de Baile Danzón. Os días 21 e 22 de decembro serán os músicos do Conservatorio Municipal os que ofrezan actuacións especiais. 

O 23 de decembro, un día antes da Noiteboa, o Apalpador visitará aos cativos de Xinzo. Tamén ese día haberá unha mostra de Nadal a cargo da Escola Fusión Fitness e un Concerto de Nadal da Banda de Gaitas. O 24 de decembro Papá Noel recollerá o testigo do Apalpador. 

Despois de celebrar o Nadal, o día 26 de decembro haberá unha chocolatada cortesía de Prolimia e a actuación circense de Marta Bravo e Sergio Tannus. Tamén haberá unha actuación de “clown” e unha actuación circense os días 27 e 28 de decembro. Broken Peach estarán en Xinzo o 29 de decembro, día no que tamén se celebrará a gala do deporte local. Nestas xornadas tamén estará instalado no Toural o globo aerostático de Prolimia. 

Dende o 30 de decembro, día no que terá lugar a gala da Escola Musical da Limia, ata o 3 de xaneiro, haberá contacontos e actuacións de “clown” e, da man dos mozos de Xinzo, haberá unha iniciativa de arte urbano con Xplicit Prods. Xacobe Martínez Antelo Trío actuará o día 2 de xaneiro. 

A Cabalgata de Reis de Xinzo será o 5 de xaneiro e antes haberá unha recepción ás súas Maxestades.

Te puede interesar