Baltar mellorará as instalacións dos parques infantís

Parque infantil do colexio de Baltar.
photo_camera Parque infantil do colexio de Baltar.
A intención do Concello é arranxar o pavimento na zona de lecer dos nenos, que agora mesmo é todo de area

O Concello de Baltar está acometendo a reparación de parques infantís, cun orzamento de 50.000 euros. Ao mesmo tempo está ampliando as súas instalacións, e mellorando o acceso ao colexio de Educación Infantil e Primaria de Baltar.

“Esta actuación é para o desfrute dos nenos e incluso para os aparatos que non cumpren as homologacións correspondentes nin son axeitados. O Concello quere coidar e mimar todo aquelo que son as instalacións do colexio para seguilo facendo atractivo”, comenta o alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo.

O colexio de Baltar estivo a piques de pechar fai uns anos cando quedaban apenas sete alumnos. Agora mesmo creceu no número de nenos, ata chegar aos trinta. “Un feito extraordinario para o noso rural, por iso dende o Concello temos que facer o máximo que poidamos. Esas instalacións agora mesmo son bastante deficientes, esperamos que a Consellería, que xa prometeu dar un apoio, mellore estas instalacións”, engade o alcalde de Baltar.

A intención do Concello é arranxar o pavimento na zona de lecer, que agora mesmo é todo de area.  “Nós temos outro parque na zona das piscinas, a 200 metros do colexio. Vémonos na obriga  de que debemos facer esta actuación. Ao mesmo tempo que a facemos, ao lado do Concello, imos facer tamén unha actuación no pobo de Niñodaguia”, explica José Antonio Feijóo. 

Trátase dun pobo que queda a tres kilómetros da capitalidade, e que dase  a circunstancia que tamén hai bastantes nenos. O concello de Baltar quere aproveitar esta necesidade para poder intervir en Niñodaguia.

Obxectivo

“En principio déusenos o visto bo, estamos cos trámites correspondentes. A intención do grupo do goberno e que en todas as vilas onde haxa nenos, poida haber algún elemento de lecer para o desfrute dos mesmos. Si é posible, compatibilizalo con elementos para as persoas da terceira idade, coa separación correspondente que proceda”, conclúe o alcalde de Baltar.

A pesar do prezo elevado destas instalacións, o Concello cre que merece a pena invertir nestas actuacións.

Te puede interesar