A Deputación respaldará a revista Lethes da Limia

20200518180054536_resultado
Tamén se abordará a dixitalización biográfica da Biblioteca de Vilar de Santos

O eixo central da cultura na Limia: o Museo Etnográfico da Limia, ubicado en Vilar de Santos, e unha das publicacións máis senlleiras da comarca, a revista Lethes. Cadernos culturais da Limia, veñen de acadar un importante respaldo por parte da Deputación de Ourense que, mediante un convenio, garantirá novas publicacións e mellorará a difusión de ambas iniciativas. 

Concretamente, Manuel Baltar, presidente da administración provincial, asinou un acordo con Delfín Caseiro, presidente da Asociación do Museo Etnolóxico da Limia, e con Manuel Seoane, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia, para a publicación da revista durante os vindeiros catro anos, e a dixitalización biográfica da biblioteca da Limia, ubicada no interior do Museo da Limia.

Segundo o mencionado convenio, a institución provincial asumirá a impresión de 300 exemplares da publicación anual Lethes. Cadernos culturais do Limia e doutros 300 exemplares dunha publicación anual monográfica relacionada coa Limia, así como o deseño e programación dun catálogo dixital sobre os autores da comarca da Limia, integrada na web do museo de Vilar de Santos. 

Esta acción permitirá dar un pulo importante á cultura nesta contorna, xa que se garante a edición, publicación e distribución dunha das revistas culturais máis importantes do país na actualidade, Lethes. Cadernos culturais do Limia, que este ano celebra o seu 20 aniversario. 

As primeiras publicacións amparadas serán a lenda de A Reina Loba, de Manuel Seoane, e o número 15 da revista Lethes. Cadernos culturais do Limia, que dedicará boa parte do seu contido á  promoción da Vía Nova.

Te puede interesar