Vilar de Santos en 15 retratos

Manuel Traveso foi delineante e topógrafo durante 40 anos na Deputación, pero o debuxo con pluma sempre estivo entre as súas grandes paixóns. Foi quen de retratar a veciños e personalidades de Vilar de Santos, coas que comparte o seu día a día.

Antón Jardón e Manuel Traveso, cada un co seu propio retrato, no Museo da Limia. Foto: Óscar Pinal.
Antón Jardón e Manuel Traveso, cada un co seu propio retrato, no Museo da Limia. Foto: Óscar Pinal.

Manuel Traveso Santana (Vilariño das Poldras, Sandiás. 1955) non se ve a si mesmo coma un artista malia ter feito, a pluma, medio cento de obras nos últimos anos.

Durante 40 foi delineante topógrafo na Deputación de Ourense, onde traballou no Departamento técnico de Proxectos. Fixo Mestría industrial, Topografía e, logo de cumprir os 40, ingresou na Antonio Faílde para facer Deseño de Interiores. Naquel momento comezou a debuxar, aínda que esta paixón acompañouno toda a súa vida. “Digamos que ata aquel tempo nunca o exteriorizara. Iniciaba os debuxos e non os remataba. Era unha especie de escritor que comezaba a escribir un libro pero non o concluía”, recorda.

Pouco a pouco, Traveso foi gañando a partida ao tempo e ás súas propias esixencias. Rematou as primeiras obras e comezou compartilas nas redes sociais. Foi naquel entón cando Antón Jardón, a alma do Museo da Limia de Vilar de Santos, convenceuno para facer exposicións. Fixo dúas: Unha en Sandiás, o seu concello natal; e outra en Vilar de Santos, a súa terra adoptiva e pobo da súa muller.

Naquelas primeiras mostras, o visitante puido descubrir baixo o título “Os camiños da vida” os labores e imaxes tradicionais do campo e do rural limiao. “Eu era un pouco reacio a facelas –as exposicións-. A verdade é que me sinto pequeno. Non podo evitar pensar que as obras que eu fago non teñen ese valor que a xente lles da”, comenta con humildade. “A verdade é que ao facer esas exposicións, pois todo o mundo me aplaudiu”, engade.

Parte dos retratos que fixo Manuel Traveso ós seus propios veciños de Vilar de Santos. FOTO: ÓSCAR PINAL
Parte dos retratos que fixo Manuel Traveso ós seus propios veciños de Vilar de Santos. FOTO: ÓSCAR PINAL

A súa segunda mostra leva o nome de “Veciños” e pode visitarse agora no segundo andar do Museo da Limia. Delfín Caseiro, presidente do Padroado, destaca “o dominio da arte do debuxo con pluma e tinta negra” coa que o creador “traslada con mestría ao papel a alma e o sentir de personaxes reais”. Dende o seu avó, á súa muller, pasando polo propio Antón Jardón ou o actual alcalde, Antonio Míguez, Traveso rende homenaxe coa pluma ás persoas coas que comparte momentos, xoga ás cartas ou conversa en Vilar de Santos. Chama a atención o nivel de detalle que acada co roting –o mesmo tipo de pluma que empregan os delineantes para facer planos-, e o xeito no que é quen de captar a xestualidade dos seus modelos. “Fíxome moito na personalidade e nos rasgos. Hai xente coa que tardo moito ou coa que desisto porque non son capaz de coller ises rasgos. Cando o fago traballo máis rápido e máis a gusto”, recoñece. Do exalcalde, Antón Jardón, destaca o seu carácter “orador” e así quixo reflexalo.

A súa muller é a única que de toda a colección de láminas que foi retratada con cor, aínda que o artista recoñece que é a máis crítica con el: “Cando a estaba debuxando viña e dicíame que esa non era ela, así que tiña que volver a comezar”, recorda entre risas. E é que o traballo a pluma deixa moi pouco marxe de erro, polo que detrás de cada lámina rematada por Traveso, que adoita ter un mes de traballo detrás, hai sete que acaban no lixo.

Esta mostra é un exemplo da liña que quere seguir o espazo: “O Museo da Limia refaise día a día e camiña con xeito e con teimosía para se converter nun verdadeiro museo comunitario: un foro da xente e para a xente”, conclúe Xosé Carlos Sierra, membro do Consello Asesor.

Contenido patrocinado

stats