Veciños de Xinzo coñecen os novos proxectos eólicos

Un deportista practica parapente sobre A Serra do Larouco. Xesús Fariñas
photo_camera Un deportista practica parapente sobre A Serra do Larouco. Xesús Fariñas
A Serra do Larouco verase afectada por varias destas iniciativas 

O salón de plenos do Concello de Xinzo de Limia acollerá este sábado, a partir das 17,00 horas, unha charla informativa sobre os proxectos de estacións eólicas que se pretenden materializar en Ourense. 

Por unha banda, profundizarase no plan previsto para a Serra do Larouco -Mistral-Tramontana-, e de que xeito afectaría aos usos lúdicos e deportivos da serra. Neste senso, o plan está en fase de exposición pública e dende o Club de Parapente Baltar iniciouse un proceso de recollida de firmas que, en Change.org, supera os 700 apoios. Tamén se abordará o proxecto Lamas II, do mesmo xeito en exposición pública dende o luns.  

Desde Salvemos O Támega Adega Monterrei informarase sobre outro macroproxecto, este en tramitación estatal, que afectaría ao Macizo central, entre Vilar de Barrio e Laza. 

A iniciativa informativa estará organizada pola plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova en colaboración con Adega Monterrei, o Sindicato Labrego Galego e o Club de Parapente Baltar. A charla está aberta a veciñanza e poderase seguir por Internet.

Te puede interesar