Xinzo xunta 500 kilos de alimentos solidarios

undefined
photo_camera Rafael Penabad, Elvira Lama, Luis Miguel Gil, Pablo Vivanco y Gabriel Mandianes.
Foi con motivo dun torneo organizado pola Asociación de Baloncesto

Nestas datas de Nadal son moitas as persoas e institucións que amosan a súa faciana máis solidaria cos colectivos, persoas e familias en situación de vulnerabilidade. Na Comarca da Limia hai varios exemplos, como a tradicional recollida de alimentos que se impulsa todos os anos dende Sandiás. 

En Xinzo de Limia tamen se viviu recentemente unha mostra destas boas intencións co gallo dun torneo deportivo.  Foi, concretamente, nunha competición de baloncesto de “3 por 3”, organizada pola Asociación de Baloncesto da vila e polo propio Concello limiao. 

O desafío deportivo prolongouse durante dez horas na localidade, periodo no que se xogaron un total de 65 partidos e nos que participaron 24 equipos. 

A competición tivo un carácter solidario, xa que no tempo que durou conseguiuse reunir media tonelada de alimentos grazas ás achegas feitas polos propios inscritos, os veciños e veciñas que presenciaron o torneo e a colaboración do comercio local da vila antelana. 

Todo o recadado destinarase ao Banco de Alimentos Municipal que, actualmente, é xestionado pola a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Xinzo. Dende alí farase un reparto a aquelas persoas e familias que máis o necesiten. 

SATISFACCIÓN

Dende o Concello amosaron a súa satisfacción pola colaboración veciñal. “A poboación de Xinzo de Limia volveuse a unir nestas datas para axudar aos máis necesitados. Foron moitas as persoas que quixeron poñer o seu gran de area neste evento deportivo que se converteu nunha gran cita para o deporte da canastra na comarca da Limia”, concluiron dende o Consistorio.

Te puede interesar