As "Xornadas gastronómicas da pataca" póñense en marcha

A pataca, produto estrela de A Limia.
photo_camera A pataca, produto estrela de A Limia.
O Concello de Xinzo de Limia pon en marcha esta iniciativa para apoiar ao sector hostaleiro

O luns, o Concello de Xinzo convocaba aos hostaleiros a unha reunión co obxectivo de poñer en marcha as que serán as primeiras “Xornadas gastronómicas da pataca”. Unha xuntanza na que participaban 15 representantes da hostalería, o alcalde da vila, Amador Díaz, mailos concelleiros Ramón Gómez e Ricardo Sieiro.

Estímase que case unha vintena de locais participen nas xornadas de exaltación gastronómica. Inda sen confirmar as datas concretas, o que si acordaron é que o evento se faga durante dúas semanas seguidas, de xoves a domingo. O vindeiro luns haberá unha segunda reunión para ir perfilando os detalles. Será cando se decidan as datas. Tamén se chegou ó acordo da necesidade de poñer un prezo fixo ós petiscos que se degustarán.

Pensando en apoiar ó sector hostaleiro e en potenciar a súa creatividade, e tamén en involucrar a todos os sectores da sociedade, os hostaleiros que participen farán unha visita ós institutos para que as mestras de cociña lles presenten ideas de elaboracións coa pataca coma protagonista e de todas as posibilidades que ofrece iste produto.

Sen dúbida, as xornadas gastronómicas serán unha excelente oportunidade para degustar, probar e descubrir novos pratos e receitas elaborados con pataca. A alta disposición dos hostaleiros coa iniciativa xurdida dende o Concello de Xinzo concretarase na reunión do vindeiro luns

Te puede interesar