O emblemático Roi Xordo de Allariz abre as portas tras dous anos

photo_camera Inauguración del Roi Xordo.
Taberna do Pepiño S.L. encargarase da xestión do renovado local, que se inaugurará mañá xoves

Logo de dous anos pechado, o emblemático local hostaleiro e cultural de Allariz, O Roi Xordo, reabrirá de novo as súas portas este xoves, ás 19,30 horas. A empresa especializada no sector, Taberna do Pepiño S.L., será a encargada agora de xestionar o novo local, que presentará un ambiente renovado e novas propostas gastronómicas, a máis novidosa, o menú “A deshora”, unha especie de “brunch” á galega.

Sen embargo, o novo Roi Xordo -que foi fundador no seu momento da rede “Clubtura”, integrada por locais de toda Galicia nos que teñen lugar concertos e actuacións culturais- si manterá a liña cultural sobre a celebración de concertos, que levou a actuar neste local situado na praza dos Mesóns de Allariz a persoeiros de renome como Luis Tosar -co seu grupo de música- ou a Quico Cadaval. 

Precisamente, logo da inauguración de mañá -que se prolongará ata as 21,00 horas e que estará aberta a toda a veciñanza-, este sábado celebrarase a primeira das propostas culturais: a actuación de Blues do país. Nesta liña e tal e como subliñaron dende a empresa xestora, a programación cultural xa está pechada para os vindeiros tres meses -abril, maio e xuño- xa que o obxectivo nesta nova andaina pasa por garantir unha oferta estable neste aspecto. 

No apartado da restauración, O Roi Xordo -fundado no ano 87- ofrecerá almorzos, tapas, “brunch” ou menú “A deshora”  e ceas. Concretamente, o equipo traballará en tres liñas: café tradicional, con almorzo e doces; unha carta de tapeo para a comida e para a cena, integrada por cociña tradicional aínda que mesturando innovación e unha carta para a proposta de “A deshora” -dende a xerencia quixeron acuñar un nome “máis galego” para o “brunch” inglés- e que estará dispoñible fóra dos horarios tradicionais para a comida. 

O novo Roi Xordo abrirá todos os días dende as 10,00 horas da mañá ata ás 00,00 horas da noite. Durante as fins de semana ampliarase o funcionamento do local ata a madrugada -ata as 02,00 horas, tal e como permite a normativa neste momento-. 

O equipo de traballo estará conformado por seis persoas -poderá incrementarse ata os nove traballadores en tempada alta- e dirixido por Carmen Seara, que será a encargada do establecemento hostaleiro.

Te puede interesar