O mercadiño de Allariz recupera os 83 postos habilitados

DSC_0015_resultado
photo_camera Unha das últimas feiras celebradas na vila e limitadas a produtos agroalimentarios.(Paula Palomanes)
Ata este momento soamente estaban permitidos os agroalimentarios

A normalidade volverá ao Campo da Barreira de Allariz co mercadiño deste sábado, día 27 de febreiro, e a autorización, por parte do Concello, de ampliar a feira aos produtos textiles. 

Ata o momento e dende mediados do pasado mes de xaneiro -a situación epidemiolóxica do municipio daquel entón motivou a decisión-, a feira estaba limitada únicamente ao sector da agroalimentación. Neste senso, afluenza de postos á vila alaricana -e tamén de compradores- foi moi tímida durante estes últimos sábados, con apenas cinco ou seis vendedores en cada unha das xornadas. 

Este martes, o Concello de Allariz informou da recuperación da totalidade dos postos -actualmente hai habilitados 83- para esta fin de semana debido á mellora no índice de contaxios -hoxe hai sete casos activos-. "A situación sanitaria do Concello mellorou nas últimas semanas e o nivel de contaxios é similar ao do mes de decembro", esgrimiron dende o Concello alaricano.

Ante esta nova situación, dende a entidade local solicitaron novamente a colaboración tanto da cidadanía, en xeral, como dos vendedores ambulantes, en particular, para o cumprimento de todas as normas sanitarias vixentes pois solicitaron "é necesario continuar mellorando a situación epidemiolóxica da localidade". Asimesmo, dende o Concello aseguraron que se manterán todos os protocolos de seguridade e vixiancia implementados dende a desescalada, como a toma de temperaturas aos participantes na feira. 

Agárdase que acudan ao mercadiño deste sábado a maior parte dos vendedores habituais nesta localidade.

Te puede interesar