Baixa Limia

A Cela, un patrimonio de foto

Baixa Limia

CELANOVA

A Cela, un patrimonio de foto

Autores, veciños e visitantes compartiron un xantar popular para celebrar a publicación do libro.
photo_cameraAutores, veciños e visitantes compartiron un xantar popular para celebrar a publicación do libro.

O libro "A Cela: Vivir na aldea dos bolos" conxuga imaxe e texto para difundir a historia e vida das xentes da aldea de Lobios e, ó mesmo tempo, constitúe a orixe da editorial sen ánimo de lucro Edicións Picós. 

Hai xa dúas décadas que José Caruncho e Antonio López chegaron á Cela dende a Coruña para coñecer esta singular aldea, na que as construccións feitas pola man do home se integran dun xeito tan harmónico cos grandes 'bolos' característicos da orografía do Xurés que a converten nun dos enclaves máis singulares da zona de Lobios. Foi en 1999 e, daquela, visitaron a aldea para rodar o primeiro capítulo dunha serie documental para a televisión autonómica. José Caruncho, fotógrafo de profesión, fíxoo cámara en man e retratou, non só as paisaxes, senón tamén a algunhas das súas xentes. Naquel momento, o agreste encanto do Xurés conquistou a Antonio López que non deixou de voltar varias veces ó ano para percorrer cada un dos seus camiños.

Nesta dúas décadas, a vida de José Caruncho e Antonio López continuou, ó igual que o fixeron as historias dos veciños da Cela e a propia aldea, condenada como tantas outras ó esquecemento das novas xeracións. Pero á relación entre eles aínda lle quedaba un capítulo por escribir... e por retratar.

Ademais dunha fonda amizade, Antonio López e José Caruncho comparten a de Benito de Picós, persoa imprescindible nesta historia, que desexa figurar só como "parte loxística". Os tres viven na Coruña, tan só el é natural da Baixa Limia, pero A Cela necesitaba narrar o seu percorrido polo mundo da etnografía, da arquitectura e do patrimonio natural. Pasadas esas dúas décadas dende o primeiro contacto coa aldea, José Caruncho e Antonio López decidiron voltar a ela para contar esa historia en condicións. O primeiro volveu traer consigo as súas cámaras para devolver unha ollada a través do obxectivo e descubrir canto tiñan cambiado neste tempo as súas xentes. O segundo volveu ávido por escoitar canto tiñan para contarlle estas mesmas xentes sobre a orixe, evolución, costumes e transcorrer diario da súa vida neste núcleo tan singular.

O resultado foi unha narración visual e escrita dunha aldea paradigma da situación da Galicia rural dos últimos anos. É neste punto onde Benito de Picós, esa parte loxística, entra na historia. "Benito Medici", chámanlle os autores, porque gracias a el puideron darlle forma a esa narración visual e escrita no libro "A Cela: Vivir na aldea dos bolos". Un volume que non só pretende descubrirlle ó mundo como transcorren os días no núcleo de Lobios, senón tamén erguerse como xérmolo dun proxecto maior. Naceu así Edicións Picós, encargada de publicar o título, primeiro dunha futura serie de traballos que buscan difundir o patrimonio material e inmaterial do Xurés. 

O libro de Antonio López e José Caruncho viu a luz esta fin de semana e, para celebralo, os veciños da Cela, eses modelos improvisados que lle amosaron ós autores a súa sinxela e grandiosa forma de vida, recibiron a medio cento de visitantes da Coruña, amigos dos artífices da obra bibliográfica que acudiron ansiosos por coñecer o lugar e ás xentes que conquistaron a dous veciños da Coruña hai agora dúas décadas. "Estamos encantados", insistían os anfitrións.