Juan Manuel Galiña, investigador: "A Fraga Raxada é un espazo único con restos medievais... e quen sabe se algo máis"

ENTREVISTA

Galiña atópase detrás do achado dos restos dun castelo, unha aldea e unha torre medievais no monte da Fraga Raxada, n'A Cela, en Lobios

Juan Manuel Galiña Lorenzo.
Juan Manuel Galiña Lorenzo.

A parroquia lobiense de Santa María da Cela agocha restos, no límite co Val do Salas, que se remontan a un momento indeterminado entre a Alta e a Plena Idade Media. Pero este “espazo único” podería agochar moito máis.

É a conclusión á que chegou Juan Manuel Galiña, investigador na Universidade de Vigo, e cuxa súa tese doutoral trata sobre a poboación do Val do Salas. Levou a cabo esta investigación grazas ao Programa de axudas á etapa predoutoral da Xunta de Galicia.

Galiña, xunto co Eduardo Nieto, de Breogán Arqueoloxía, plantearon unha intervención arqueolóxica ao Concello de Lobios, que deu iniciou o proxecto. Tras acadar financiamento do GDR Limia-Arnoia e o permiso (e a colaboración) da comunidade de montes do Puxedo, Guende e A Cela, agora poden revelar parte do achado.

Cal é a historia detrás deste monte?

A Fraga Raxada é un monte, un outeiro, no límite co Val do Salas. A xente do lugar conta a lenda de que alí vivían os mouros, porque hai grandes penedos que forman como coviñas, de aí que o chamasen popularmente como “Casa dos Mouros”. Algún ata dicía que houbera un castelo e mesmo unha capela.

Como xurdiu o seu interese por este lugar?

Pola miña tese doutoural. Consultando a catalogación da Xunta de Galicia, vin que na Fraga Raxada aparecía catalogada unha torre medieval. Como o meu estudo é sobre a Idade Media, decidín chamar a Breogán (Nieto, de Breogán Arqueoloxía), e subimos ata alí arriba. O certo é que no sitio, dende onde se divisan o Val do Salas, do Limia, de Araúxo e a fronteira portuguesa, ben podía ter habido algunha torre de vixía.

Escavacións na torre do monte (foto: Breogán Arqueoloxía).
Escavacións na torre do monte (foto: Breogán Arqueoloxía).

Que atoparon aquel primeiro día?

Chovía moito e metímonos nos acubillos dos penedos, onde se gardaban supostamente os mouros, e nun deles xa atopamos de todo: tellas, cerámica. Dimos outra volta e continuamos a ver restos a moita distancia do suposto castelo ou torre medieval. Porque a Fraga Raxada está composta por tres terrazas, e iso xa aparecera na primeira.

Axudarían os microtopónimos a obter máis información?

Si, de feito temos pendente unha visita cunha veciña que aínda lembra algúns. Porque polo de agora non atopamos información documental sobre a Fraga Raxada, nin sequera no Tombo de Celanova.

Cales foron os seguintes pasos?

Breogán encargouse da intervención arqueolóxica. Eu fixen visitas de campo e prospectei toda a zona. E facéndoo, dinme de conta de que aquelo non eran só as terrazas nin unicamente a torre. Se vas baixando o monte, en cada terraza, en cada acubillo, hai achados. Posteriormente, cunha planimetría, calculamos que alí houbera un asentamento dunhas seis hectáreas. Descoñecemos se houbo varias fases de ocupación, pero todo apunta a iso. Os materiais da torre indican Alta e Plena Idade Media, unha ocupación continuada entre eses séculos.

Xerra cerámica atopada (foto: Breogán Arqueoloxía).
Xerra cerámica atopada (foto: Breogán Arqueoloxía).

Queda moito por descubrir?

Co voo aéreo do dron hai moitas estruturas de edificacións localizadas que hai que identificar e contabilizar no mapa. Achados apareceron moitos: dous muíños de man, de pedra, xerras cerámicas para conter líquidos, ósos, unha pluma dun ave. E enviáronse os restos dun óso e algo de carbón a un labotario en Vilnius, Lituania, para analizar e datar con precisión. Tamén apareceron tres ou catro anacos de cerámica, moi pequenos, moi rodados, que poderían ser prehistóricos, pero tampouco podemos asegurar nada. Aínda que non sería sorprendente, porque o sitio préstase a calquera asentamento.

Só falta que se poida visitar.

De feito, tras esta toma de contacto da intervención e o par de catas que se levaron a cabo, o Concello de Lobios vai colocar unhas balizas e uns paneis para crear un roteiro interpretativo e que a xente poida visitar o lugar.

Contenido patrocinado

stats